Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTA FIN DE SEMANA

Catro candidaturas optarán á Secretaría Xeral da CIG

Todo apunta a que a liderada por Suso Seixo ten o camiño despexado para recuncar no cargo. Fran Cartelle, Currás Meira e Pérez Carballo encabezan as outras tres listas.

R. V. - 19:30 16/06/2009
Tags: CIG congreso

Cando apenas faltan menos de 48 horas para que se peche o prazo para presentar listas, dáse por feito que finalmente serán catro as candidaturas que pelexen por entrar na Executiva da CIG. Máis de 600 delegados (en representación de 60 mil afiliados) decidirán esta fin de semana como e quen dirixirá o sindicato nacionalista nos vindeiros catro anos.

A candidatura encabezada por Suso Seixo parte como favorita para o congreso que se vai celebrar esta fin de semana. O actual secretario xeral conta co apoio dos afiliados do sindicato afíns á UPG (partido no que el mesmo milita); co Movemento Galego ao Socialismo (que ten entre os seus referentes a Antolín Alcántara e Ramiro Oubiña); co sector maioritario na comarca de Vigo (liderado por Xerardo Abraldes e Miguelanxo Malvido); e coa Corrente Sindical de Esquerdas (composto en boa parte por afiliados próximos á FPG).

A segunda lista, impulsada polo Movemento pola Base, presenta como candidato á Secretaría Xeral a Francisco Cartelle (dirixente sindical na comarca de Ferrol); o terceiro candidato é Anxo Pérez Carballo, sindicalista ourensán que conta co apoio do Colectivo 10 de marzo; e por último unha cuarta alternativa liderada por Manuel Currás Meira, que conta co apoio do grupo sindical próximo á extinta Unidade Galega.

Nacionalismo político e sindical: vasos comunicantes
As diferentes correntes que conforman a CIG non son alleas ao nacionalismo articulado politicamente. Historicamente, a Unión do Povo Galego foi sempre o referente principal dentro do mundo sindical nacionalista. Esta hexemonía fíxose máis fébel en 2005. Nese ano, un grupo importante de cadros sindicais vencellados á UPG rachaban con este partido para fundar o chamado Movemento pola Base (que posteriormente, a finais do ano pasado, viviría unha nova ruptura que daría paso ao Movemento Galego ao Socialismo).

Pese aos ventos en contra, Suso Seixo foi quen de recompoñer nos últimos meses a chamada “maioría sindical”. Todos, incluidos os rivais, dan por feito que a candidatura de Seixo pode obter oito dos 12 postos que conforman a Executiva.

A candidatura que lidera Manuel Currás Meira, composta noutrora por xente afín a Unidade Galega, sintoniza agora, segundo explican eles mesmos, coas teses que defende a corrente Máis BNG dentro do Bloque. Por último, o Colectivo 10 de marzo non conta cun referente político fóra do espazo sindical. Bautista Vega, líder desta corrente, retírase da primeira liña para deixarlle paso a Pérez Carballo.


4,69/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: