Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Madrugada de incidentes

O presidente dunha das patronais do metal denuncia outro ataque

Súmase aos producidos contra un caixeiro de Vigo e un concesionario de coches en Nigrán. Os sindicatos desvincúlanse dos acontecementos.

Redacción / EP - 11:10 17/06/2009

José Alonso Rodríguez, presidente de Instralectra, a patronal que agrupa varias empresas de instalación eléctrica da provincia de Pontevedra, denunciou que a súa vivenda fora obxecto dun ataque, supostamente cun cóctel molotov, durante a madrugada do martes ao mércores, informa a Radio Galega.

Porén, o empresario afirmou que a súa familia non se percatou do suceso até a mañá deste mércores cando viron queimada a fachada da casa, situada na parroquia de Beade. O suceso súmase aos acontecidos durante esta mesma madrugada, coa explosión dun caixeiro en Vigo e o incendio dun concesionario en Nigrán.

Instralectra é unha das patronais no sector do metal en Pontevedra que segundo os sindicatos están a bloquear a negociación do convenio do metal na provincia.

Os sindicatos desvinculan do conflito do metal o lanzamento de artefactos incendiarios
Os sindicatos que participan na negociación do convenio colectivo do sector metalúrxico da provincia de Pontevedra desvincularon o conflito do sector dos actos vandálicos ocorridos nas últimas horas.

Así, o representante da CIG, Antolín Alcántara, afirmou na asemblea dos folguistas que permanecían concentrados na zona de concesionarios da Avenida de Madrid de Vigo, non saber "nada" do ocorrido e asegurou ante os traballadores: "non temos nada que dicir". "Nós facemos o noso propio traballo, a nosa propia presión, e damos a cara cando facemos as cousas", precisou, desmarcándose dos sucesos. Pola súa banda, o voceiro de CCOO, Ramón Sarmiento, expresou a súa "repulsa" polos feitos ocorridos, que cualificou como "graves", á vez que os desvinculou da actuación con motivo da problemática do sector do metal, lembrando que os folguistas deste sectos toman as decisións "en colectivo". Á vez, Sarmiento manifestou as súas sospeitas de que os actos vandálicos "foran algo premeditado por alguén, co obxectivo de vinculalo" ao conflito.

Nesta liña tamén falou o representante de UXT, Diego Atanes, quen tamén se dirixiu aos empresarios, e lembroulles que os sindicatos non meteron no mesmo saco a toda a patronal, cando algúns membros da mesa de negociación "tiveron actitudes radicais e intransixentes".

Actualizada ás 8.40 horas
A policía española está a investigar a autoría da explosión dun caixeiro automático da entidade Caixa Galicia en Vigo, así coma o incendio provocado nun concesionario de venda de automóbiles en Nigrán, ámbolos dous feitos acontecidos na madrugada da terza para a cuarta feira.

O caixeiro estourou por volta das 02h15 da madrugada, na sede que esta entidade financeira ten na estrada provincial de Vigo. Coa explosión producíronse contiosos danos materiais.

Despois da noite comezaba a arder un concesionario da Renault na parroquia de Priegue (Nigrán), nun incendio que foi provocado, e que calcinou varios automóbiles. Segundo Europa Press, a Policía Local de Nigrán sospeita que as lapras poideron orixinarse polo lanzamento de cócteles molotov.

A policía intenta determinar se os dous feitos acontecidos na comarca de Vigo están relacionados entre eles.


4,5/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: