Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aproveitando a inauguración en Portugal

Dous polo prezo dun: o calote das piscifactorías de Mira e Touriñán

A Pescanova fóranlle concedidas até nove alternativas a Touriñán, ampliación de proxectos existentes e gorentosas subvencións. Agora, coa anuencia da Xunta, podería arramplar tamén co espazo muxían protexido.

R.N. - 18:35 22/06/2009
Vistas de Mira

Vistas de Mira

A inauguración na localidade portuguesa de Mira da megaplanta acuícola de Touriñán volveu traer á actualidade o paralizado proxecto que o mesmo grupo empresarial, Pescanova, trataba de levar adiante no seu momento na costa muxiá. A iniciativa foi cabalo de batalla no seu momento entre o PP, daquela na oposición, e a Xunta bipartita, cos populares criticando que se prohibise a construción desta planta malia estar proxectada en zona natural protexida.

O certo é que, mentres o PP insistía en que, de recuperar o poder, permitiría ese proxecto, a empresa negociaba con éxito coa administración, segundo lle confirmaban naquel tempo a Vieiros fontes do anterior goberno, a procura de localizacións alternativas a Touriñán. Deste xeito, e malia que PP e a propia empresa deixaban transcender a idea de que a macroplanta de Mira era a alternativa á prohibida en Touriñán, na realidade a piscifactoría portuguesa era un proxecto a maiores. De feito, técnicos da Xunta e de Pescanova consensuaban un conxunto de zonas fóra da rede natura onde construír finalmente a planta inicialmente pensada para Touriñán.

Unha presión que rendeu beneficios xa en 2006
Deste xeito, no verán de 2006, a área do Penedo do Corvo, en Ribadeo, e de Punta Morás, en Xove, aparecían como as máis axeitadas, segundo a análise de Goberno e empresa. Con todo, a Xunta púxolle na mesa á empresa até nove posibilidades diferentes.

Apenas uns meses máis tarde, no inicio de 2007 confirmábase que a redefinición do plan acuícola permitiríalle ademais á empresa nestas novas localizacións a duplicación do investimento e a produción prevista ao comezo. De paso, Pescanova recibía tamén a autorización para a ampliación dunha granxa acuícola xa en funcionamento.

"Ofrécenlles o que nin sequera a empresa pide", láiase a oposición
O feito de que empresa e PP teimen en amplificar, a través de medios de comunicación, a idea de que a planta lusa substitúe proxectos pensados para Galiza, é criticado con belixerancia pola oposición. Desde o PSdeG, a voceira parlamentaria en materia de Pesca, Marisol Soneira, recorda non só as alternativas concedidas a Pescanova pola administración, senón tamén as gorentosas axudas públicas postas á súa disposición. "Agora a Xunta quere darlles o que nin sequera a empresa pide", láiase a deputada socialista.

Marisol Soneira considera que a actitude do PP neste caso ten que ver co intento de erosión da imaxe do bipartito e á vez co intento de convencer á opinión pública da presunta necesidade de arramplar con espazos protexidos como chanzo previo a "outros excesos". De paso, a representante do PSOE aproveita para recordar os puntos escuros na adquisición dos terreos, "comprados a prezo de saldo no seu momento" por parte da empresa. "Seguen coa lenda de que é un proxecto que marchou para fóra, cando iso é falso, o Plan Acuícola pon a disposición do sector amplos espazos de tanta e máis dimensión, para as empresas que queiran aproveitalos", argumenta Soneira.

Desde o BNG, expoñen tamén a posición contraria ao "agresivo" proxecto de Touriñán e afirman que "o modelo do PP é subvencionar con fondos públicos grandes proxectos de acuicultura". Ao tempo, lembran que a volta a esta polémica coincide coa inauguración por parte da mesma empresa dunha planta de panga en Mozambique que, avalían os nacionalistas, "logo competirá co peixe da flota galega". "Ao mesmo tempo que o PP privilexia a través das subvencións públicas a Pescanova, este gran grupo empresarial anuncia a entrada en funcionamento en Mozambique dunha gran planta de produción de panga, xa que o que importaba do Vietnam non era suficiente, que directamente co peixe da nosa flota pesqueira", censura o deputado do Bloque e voceiro da formación en materia de Pesca, Bieito Lobeira.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: