Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No San Xoán, a noite máis curta do ano

Acendan folións, cacharelas, cachelas, lumieiras... que é hora de limpar os meigallos

Chega unha das noites máis especiais do ano: lume nas praias ou nas rúas, sardiñas no pan, tradicións novas e vellas, e chimpos, voltas e reviravoltas arredor das fogueiras.

Redacción - 11:45 23/06/2009
Flickr:  Selva de Esmelle

Flickr: Selva de Esmelle

Chegou o San Xoán, unha das noites máis máxicas e especiais do ano, e a máis curta. A idea é saír á rúa limparnos de meigallos, celebrar a chegada do verán e ir de paparota. É un plan redondo, ao que se pode atender en calquera vila do país.

Non esquezas: Cousas a facer polo San Xoán
Primeiro de todo, cómpre limpar os meigallos. Non se pode comezar o verán sen levar o corpo inmaculado, deixando lonxe de nós as meigas, os trasnos e os aparecidos, que no solsticio saen dos seus agochos para apoderárense da noite, tal e como conta a tradición.

O primeiro é achegarse a un folión, cacharela, cachela, fogueira, lumieira... aceso e saltalo. Cómpre facelo un número impar de veces, que non sexa 1 nin 3, e dende lados distintos cada vez. Hai quen di que se debe facer collido da man, pero esta parte non aparece nas máis vellas tradicións, e se cadra foi inventado polos mozos ou as mozas, aproveitando para achegarse os uns aos outros. Cómpre recitar algún dos vellos refráns -coma "cachela de San Xoán, que non me morda nin cobra nin can"-, cada vez que se dea un chimpo nun ou noutro sentido, procurando non quedar no medio da fogueira, que ás veces pasa.

Nas fogueiras ademais, pódense queimar roupas e obxectos vellos para liberarse tamén do meigallo. Unha nova tradición di que é bo queimar tamén un papel no que se anoten todas aquelas cousas das que un se quere desfacer, que o lume do San Xoán purificaría, pero esta ao mellor é un chisco importada.

A fecundidade e as herbas 'menciñeiras'
Porén, contra estes males da noite máxica non só se loita co lume, a natureza ofrece tamén valiosos antídotos: a auga e as plantas. As fontes coñecidas como milagreiras ven aumentados os seus poderes esta noite e o mar, ademais de librarte do mal de ollo ten facultades fecundadoras nunha noite coma hoxe.

Na tradición galega, a maternidade e o matrimonio teñen un papel moi importante nunha noite coma a de San Xoán, no mar cóntanse diversas tradicións para potenciar a fecundidade da muller, como a de bañarse á media noite ou deixarse mollar por nove ondas. Sobre o matrimonio hai tamén diversas 'prácticas adiviñatorias' para que a muller poida descubrir quen será o namorado co que chegue a casar: está por un lado o dito de que segundo sexa o nome do primeiro home que cruces pola rúa así se chamara o marido e, polo outro, o ritual de romper un ovo á media noite e deixalo 'ao sereo'. Pola mañá segundo conta o dito a forma do ovo aproximarase a algunha figura (un barco por exemplo, aínda que tamén pode ser unha plataforma petrolífera ou un computador) que permita adiviñar a procedencia do futuro marido.

As herbas menciñeiras e aromáticas teñen tamén un papel importante e forman parte do último ritual da noite. Hai que recoller as herbas (san xoáns, herba luísa, anises, fiuncho, codeso, malvas, artemisa, etc.) antes do remate do día, póñense en auga e déixanse toda a noite 'ao sereo' para pola mañá, logo de que o orballo caese sobre a auga, empregala para lavar a cara e librarse así dos males que puidesen afectar, a pesar de todas as precaucións tomadas (Achegámosvos unha receita para preparar unha auga de San Xoán).

E logo tamén están as paparotas, precisas para cumprir coa tradición. Ás sardiñas asadas, que han "pingar o pan", como di o refrán -e que a estas horas xa triplicaron o seu prezo, chegando a case os catro euros o quilo-, pódeselle unir o chourizo, o churrasco e, para beber, o viño.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na cacharela de San Xoán, en Compostela / Flickr: jpereira_net
Na cacharela de San Xoán, en Compostela / Flickr: jpereira_net
O lume purificador / Flickr: diegoperez74
O lume purificador / Flickr: diegoperez74
A noite de San Xoán no Berbés, en Vigo / Flickr: willy sifones
A noite de San Xoán no Berbés, en Vigo / Flickr: willy sifones
Un dos San Xoáns máis multitudinarios, o da Coruña / Flickr: efimera
Un dos San Xoáns máis multitudinarios, o da Coruña / Flickr: efimera