Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SUSO SEIXO, SECRETARIO XERAL DA CIG

"O nacionalismo ten que asumir que ten que gobernar de forma diferente"

A Confederación Intersindical Galega vén de celebrar congreso esta fin de semana. Con 66 mil afiliados, o sindicato é a maior estrutura nacionalista do país. Falamos co seu máximo dirixente.

R.V (texto)/ Isabel G.Couso (vídeo) - 10:30 25/06/2009

A CIG celebrou congreso a pasada fin de semana. Suso Seixo foi reelixido secretario xeral. A candidatura que encabezaba logrou oito dos 12 postos da Executiva Confenderal. Falamos con el. Acaba de chegar de Vigo, onde o conflito do metal segue sen se arranxar. Recíbenos no seu gabinete e comeza a falar sen présa. Nado en 1952 en Curtis (Comarca de Betanzos), marchou coa familia para A Coruña cando só contaba con dez anos. Confesa que a súa paixón son os bosques (como bo biólogo que non chegou a exercer) e o mar: “Aínda que nacín no interior o mar para min é un referente moi grande”. Comeza a contestar á batería de preguntas mentres o seu móbil non deixa de vibrar enriba da mesa.

O último congreso deixa unha maioría sindical clara que vostede lidera pero tamén revela a existencia de catro correntes diferentes na organización. Esta pluralidade é un atranco ou todo o contrario?


Esta realidade témola na CIG dende sempre. A pluralidade para nós é o habitual. Non nos sorprende nin o número de candidaturas nin as diferentes correntes que traballan aquí dentro. Eu creo que iso non é que sexa bo nin malo, é o reflexo do que hai na sociedade e hai que buscar mecanismo internos para que teñan canles de expresión.

A CIG 60 mil afiliados, con máis de 60 mil afiliados, é a principal organización nacionalista...

Hai máis de 66 mil (interrompe Seixo). É importante aclarar que temos unha forma de medir a afiliación moi rigorosa. Temos de pleno dereito a 74 mil afiliados pero damos sempre o dato máis exacto. A finais de 2008 eran máis de 66 mil afiliados os que tiñan as cotas ao día.

Dicía que a CIG é a maior estrutura nacionalista que hai no país. Cal é o segredo para manter esta forza nun momento no que o nacionalismo político non pasa bos momentos?


Non sei exactamente cal é o segredo e non quero sacarlle méritos aos demais. Eu o que sei é que o sindicalismo que facemos é moi apegado aos centros de traballo, moi preocupado pola participación dos traballadores e desvinculado do poder. Un sindicalismo que non se prega nin aos intereses da patronal nin do goberno e que mantén na práctica os seus principios programáticos e ideolóxicos. Nós non renunciamos á defensa da soberanía e aos dereitos de Galiza e a nivel sindical á loita de clase. Isto, evidentemente, creo que se percibiu. A estas alturas son moitos os traballadores que vén na CIG un modelo sindical diferente. A xente sabe que cando ten un problema nós somos de fiar. Na CIG podemos acertar ou non á hora de ofrecer alternativas pero saben que imos ser honrados na defensa dos seus intereses.

Os partidos políticos non teñen a tentación de instrumentalizar os sindicatos?

O control, polo menos no campo do nacionalismo, foi moito maior nos inicios do que é hoxe. Isto ten a súa explicación. No nacionalismo foron organizacións políticas as que puxeron a andar os sindicatos. Hai vínculos históricos. Isto supérase na medida en que estas organizacións políticas e sindicais medran e teñen as súas propias dinámicas. Nós, loxicamente, como organización nacionalista coincidimos co campo nacionalista en temas como a soberanía ou a lingua. Hoxe ningunha organización sindical permitiría inxerencias. Moitas veces é máis lenda urbana que realidade, aínda que, repito, logo é normal que haxa coincidencias ideolóxicas. Hai que distinguir entre as coincidencias e o control, que no noso caso non é para nada real.

Vostede coñeceu a última etapa da era Fraga e viviu a única lexislatura do bipartito. Por que non coallou o goberno progresista?


A min paréceme que nunca houbo total lealdade entre as dúas forzas de goberno. Hai que recoñecer que había grandes expectativas e moitas delas non se cumpriron. Gobernouse en casos con moita prepotencia e escoitouse pouco ás organizacións sociais. Un goberno de esquerdas ten que gobernar con métodos que non recorden os da dereita.

Tamén é certo que, a pesar de que houbo condutas na parte nacionalista que non nos gustaron, creo que si se intentaron algúns cambios que ían contra os poderes fácticos do país. O modelo de enerxía eólica rachaba co modelo das grandes empresas españolas. No agro intentáronse facer cambios estruturais que lle deran vida ao medio rural...Eu creo que se estaba a facer un bo traballo, que molestaba a moitos. Outro exemplo era o das galescolas, que era evidente que lles estorbaban aos señoritos colonizados deste país.

Hai que reflexionar todos. O nacionalismo ten que facerse á idea de que ten que gobernar de forma diferente. E por parte de todo o nacionalismo facer ver que aquí os poderes fácticos do país teñen outras opcións ideolóxicas que non é o nacionalismo. Ao nacionalismo hai cousas que non se lle perdoan, a base social é moito máis crítica, afortunadamente.

E, como está a ver os primeiros meses da nova Xunta?


Con preocupación. Tamén é certo que non esperabamos outra cousa. Sabiamos que ían defender un modelo ultraliberal...si que nos sorprende que en temas como o do idioma estean en posicionamentos máis dereitosos que o propio Fraga. Aquí estanse dando debates máis propios do franquismo. O que vivimos hoxe é o intento de acabar con calquera peculiaridade. Estamos nas antípodas do modelo do PP.

Vivimos unha crise que está a ser especialmente visíbel nos últimos meses. Cal é o papel do sindicalismo diante desta situación?

Hai un papel inmediato que é a defensa dos postos de traballo, que non haxa EREs fraudulentos, que non se aproveite a crise para reducir por reducir...Que non se recorra a medidas traumáticas. Intentar que para aqueles traballadores que van para o desemprego teñan garantidas prestacións, que non queden en total desamparo con perigo da marxinalidade. E sobre todo, exixir cambios nas políticas. Podemos saír da crise cun modelo liberal ou cun modelo social e económico no que se primen as maiorías sociais, onde haxa mecanismos de reparto de riqueza. A riqueza non se crea a base de burbullas e golpes especulativos, hai que apoiar ao sector produtivo que é o que xera riqueza. Hai que pedir medidas orientadas neste sentido. O capital público ten que apoiar o investimento produtivo e o gasto social. É fundamental a redistribución da riqueza: Hai que ir a un modelo fiscal progresivo, que se persiga a fraude fiscal, a nacionalización de sectores estratéxicos... hai moitas medidas que poden evitar que volva pasar, e non estamos vendo que se tomen.

Todos os analistas falan de que este ano e o que vén van ser moi duros. Como ve vostede a situación a medio prazo?

Para nós é difícil avalialo. O goberno español quere dar unha imaxe positiva pero aquí quedan dous anos duros 2009 e 2010 e igual estas previsións sexan optimistas. Desta crise non se vai saír facilmente e precísanse cambios estruturais.

Cales son os retos da CIG para os vindeiros catro anos?


É preciso reforzar a estrutura organizativa, que vaia parella ao medre da afiliación. Dentro de catro anos, a min gustaríame que grazas á loita da CIG e do nacionalismo se deran pasos para estar no camiño dun novo modelo económico e social para o país. É fundamental que Galiza teña competencias en políticas fundamentais para afrontar a crise económica...Tamén me gustaría que continuase a progresión da CIG e poder dicir en catro anos que somos a principal forza sindical do país.


4.57/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo 1: Seixo fala dos retos que a CIG formula para o futuro e a súa resposta ante a crise

Vídeo 2: O secretario xeral da CIG opina sobre o actual estado do nacionalismo e o seu vencello co sindicato