Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois da CIG

A UXT tamén considera "insuficiente" a nova oferta de convenio e mantén a folga do metal

O sindicato decidiu, en asemblea, rexeitar a proposta dos mediadores por considerar a súa oferta económica como incompleta.

Redacción - 08:00 25/06/2009

O sindicato UXT estudou esta cuarta feira, nunha asemblea con delegados e afiliados, a proposta de convenio realizada polos mediadores da negociación -Xunta e goberno español-, e considerouna "insuficiente", polo que mantén a convocatoria de folga para os traballadores afectados polo convenio provincial.

En declaracións aos medios, realizadas ao termo da asemblea, o voceiro de UXT, Manuel Golpe, afirmou que o sindicato valorou "positivamente" que houbese un movemento, en alusión á oferta salarial exposta pola mediación -que recolle un incremento salarial de 2,5 puntos para 2009, o IPC e un 1,5 para 2010, e o IPC co 1,25 para 2011 coa condición de que nunca se terá en conta un IPC negativo-, mais considerou que non lles chega con esta oferta económica. Por isto, asegurou manter a folga no sector metal para esta quinta feira día 25 de xuño, -para os afectados polo convenio provincial-, e precisou, con vistas á sexta feira e á vindeira semana, que primeiro "haberá que analizar a situación co resto de sindicatos", para tentar que non existan actuacións de forma "unilateral".

Neste sentido, apuntou á posibilidade de dar "un pequeno respiro" ao paro indefinido no sector, tendo en conta a complicada situación na que están algunhas empresas do sector, como é o caso da construción naval. "Non podemos dar opción a que os estaleiros leven barcos fóra (para concluír a tempo os seus pedidos)", afirmou, en alusión á decisión tomada por Barreiras de trasladar un buque a Portugal. Así mesmo, Golpe referiuse á maioría que ostenta a CIG no sector e considerou que este sindicato "ten que mover ficha de forma clara".

Folga para todo o sector ou non?
Por outro lado, a CIG recalcou o seu rexeitamento á oferta dos mediadores e, ademais, asegurou que continuará coa folga. Para a quinta, esta central sindical convocou un paro para todo o sector, incluídas empresas con convenio propio como pode ser a planta de PSA Peugeot-Citroën, pero que non apoian CCOO e UXT, que se van limitar ás compañías con convenio común.

Pola súa banda, CCOO aínda vai analizar a situación esta quinta feira de mañá, en asemblea, porén tamén se baralla a posibilidade de desconvocar a folga e dar "unha tregua" mentres non conclúe o prazo dado polos mediadores para unha contestación á oferta realizada,. As partes deste conflito, sindicatos e patronal, teñen a oferta sobre a mesa e deben tomar unha decisión final o vindeiro día 30 de xullo.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: