Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Reunión co conselleiro este xoves

Educación promete contar cos equipos de normalización no deseño do novo decreto

Representantes da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística nos centros escolares achegáronlle á Xunta un decálogo "para o consenso".

Redacción - 17:15 25/06/2009

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística tivo esta cuarta feira unha xuntanza co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, onde lle expresaron a "preocupación" e o "malestar" diante da polémica orixinada arredor da lingua galega no ensino. "Esta polémica é moi negativa para a convivencia nos centros, e polo tanto para a educación en xeral e para a lingua en particular", indican. Ao fío, achegámoslles os dez puntos debatidos pola coordinadora este xoves co conselleiro e en base aos cales os representantes do colectivo solicitaron da Xunta que, como parte "fundamental" do sistema educativo, se lles permita participar na elaboración de "calquera documento que lexisle o uso das linguas no ensino":


1.O marco lexislativo educativo ten que evitar a confrontación na comunidade escolar.

2.O alumnado non pode ser segregado por razón de lingua.

3.Débese garantir a presenza do galego no ensino ao 50% como mínimo para poder acadar a competencia nas dúas linguas cooficiais. Só así o alumnado poderá escoller en liberdade.

4.Téñense que elaborar materiais didácticos, de calidade e actualizados, en lingua galega para todas as materias e todos os ciclos educativos, que suplan as carencias existentes.

5.Hai que ofrecerlle ao profesorado cursos de reciclaxe e capacitación en lingua galega; para isto é imprescindible contar cun programa previo de formación de formadores.

6.Cada centro debe seguir elaborando o seu Proxecto lingüístico, que é a base para que os ENDL desenvolvan as súas funcións unha vez analizada a situación sociolingüística do centro.

7.Decreto de infantil.

A)Nesta etapa débese garantir que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento das dúas linguas oficiais tendo en conta que a lingua minorizada precisa de maior reforzo.


B)Propoñemos que avalíen os resultados das liñas de galego en infantil de cara a manter este programa. Os informes elaborados nestes centros valoran moi positivamente estes proxectos xa que permitiron conseguir que todo o alumnado adquirise a competencia nas dúas linguas oficiais, fose cal fose a lingua inicial dos rapaces e rapazas.

8.Equipos de Normalización e Dinamización.


A)Débense implementar programas de formación en dinamización lingüística para o profesorado interesado.


B)Hai que potenciar as coordinacións intercentros.

C)Téñense que consolidar as funcións das coordinadoras provinciais dependentes da DXPL.


9.A administración debe realizar campañas efectivas de dignificación da lingua, que comecen polo propio goberno da Xunta. A situación do galego é moi delicada, por iso algunhas accións e declaracións realizadas nos últimos tempos cuestionan o labor de recuperación do galego feito ata o momento.


10. Parécenos inadecuado que a enquisa sexa a base dun decreto novo. Esta consulta, tal e como foi realizada, non pode ter ese peso nunha lexislación educativa. En cambio, débense ter en conta conta os diferentes datos sociolingüísticos existentes tirados de estudos elaborados con rigorosidade (MSG, IGE), así como os diferentes Proxectos Sociolingüísticos de Centro realizados nos últimos anos.


4.8/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: