Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BALANCE NA CONSTRUCIÓN

Perda de 16 mil empregos nun ano

O número de traballadores do sector ascende a 120.300 obreiros, un 11,9% menos que hai doce meses.

Redacción - 13:15 26/06/2009

Que o sector da construción e o mundo inmobiliario son os que máis están a experimentar a crise económica é unha realidade xa coñecida. Mais agora a patronal pontevedresa ofrece as estatísticas concretas da afección que esta drástica caída tivo sobre os propios traballadores. O sector perdeu nun ano máis de 16 mil empregos, unha etapa na que tamén se rexistrou un descenso dun 1,7% do volume de negocio, que acadou en 2008 os 11.046 millóns de euros.

Así as cousas, o total de traballadores do sector ascende actualmente a 120.339 persoas, é dicir, un 11,94% menos que o ano anterior. Ademais, o volume de negocio xerado pola edificación descendeu un 8,8% e o stock de vivenda sen vender en Galiza ao remate do ano pasado ascende a 31.798 inmobles.

O equilibrio da oferta e a demanda, en cinco anos
De cara ao futuro, o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Pontevedra (APEC), Anxo Fernández Presas, adiantou que as expectativas do sector para este ano se basean na obra pública, que será, dixo, o único recurso compensador nun sector que acentuará a súa recesión. Así, asegurou que serán necesarios "catro ou cinco anos "para que se equilibren oferta e demanda no mercado inmobiliario galego.

Se ben o negocio derivado da obra pública aumentou o ano pasado nun 8%, esta cifra non foi suficiente para compensar "o preocupante descenso experimentado na produción de obra privada". Con todo, as previsións falan de aínda un maior incremento do paro: se o sector prevía un recorte de 28 mil empregos entre o 2008 e 2010, agora avisa de que hai que revisar estes datos, xa que estiman que a cifra pode ser aínda maior.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: