Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
600 millóns de euros

A Xunta espera que o novo Plan de Vivenda beneficie a 50 mil familias

O acordo asinado entre o Goberno e o Ministerio de Vivenda incluirá axudas para a adquisición de 1.070 pisos baleiros e  29 mil actuacións de rehabilitación.

Redacción - 20:00 01/07/2009

O Goberno e o Ministerio de Vivenda asinaron un acordo para poñer en marcha en Galiza o Plan de Vivenda 2009-2010. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asegurou que o programa "abre as portas dun fogar a 50 mil familias", e que é un exemplo do "que debe significar a cooperación institucional para a cidadanía".

Feijoo reuniuse en Madrid coa ministra de Vivenda, Beatriz Corredor, para formalizar o convenio, que conta cun orzamento de 600 millóns de euros, dos que a Xunta achega máis de 130. Segundo expuxeron, será un 52% superior ao anterior plan. Pretende impulsar a promoción de vivendas protexidas de nova construción, para a súa venda ou alugueiro, e recolle diversas actuacións para a rehabilitación de inmóbeis.

A Xunta achegará dous mil euros adicionais en axudas directas para a compra de piso a quen acceda por primeira vez a unha vivenda, que serán acumulábeis ás estabelecidas con carácter xeral no plan, o que pode supoñer unha subvención total de entre sete e 10 mil euros.

O plan supón máis de 50 mil actuacións, que inclúen a promoción de case 14 mil vivendas protexidas, das que máis de nove mil serán para venda e catro mil para aluguer. Tamén se concederán axudas para a adquicisión de máis de mil pisos baleiros nos que teña transcorrido un ano dende o outorgamento da licenza de primeira ocupación e que o promotor queira cualificar como vivendas de promoción autonómica. Ademais, sufragaranse outras 29 mil actuacións de rehabilitación, erradicación do chabolismo ou mellora da eficiencia enerxética.

Rebaixa fiscal
Outra das medidas anunciadas por Feijoo é a rebaixa fiscal do imposto de transmisións patrimoniais e de actos xurídicos documentados a persoas menores de 36 anos e a familias numerosas, independentemente da súa renda. Este anteproxecto de lei levarase ao Consello da Xunta deste xoves.

Supoñerá unha redución do 50 por cento e terá un carácter "provisional" para a mocidade, que só se poderá aproveitar da rebaixa fiscal até 2011, aínda que se podería prorrogar se "persiste a crise". As familias numerosas seguiranse beneficiando da rebaixa.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: