Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"A crise da vida salvaxe é peor que a económica"

Nos últimos cinco séculos desapareceron 869 especies

Segundo datos da Unión Mundial para a Conservación da Natureza, no planeta hai 17 mil especies de animais e plantas ameazadas de extinción.

Redacción - 11:30 04/07/2009
A Mirounga leonina ou elefante mariño do sur, atópase nesta lista vermella

A Mirounga leonina ou elefante mariño do sur, atópase nesta lista vermella

No planeta hai perto de 17 mil especies de animais e plantas en perigo de extinción. Así o revelou esta semana a Unión Mundial para a Conservación da Natureza (UICM, nas súas siglas en inglés), a través da publicación da súa Lista Vermella.

Actualmente están ameazadas de extinción polo menos 16.928 especies, incluíndo un terzo dos anfibios, máis de unha de cada oito especies de aves e perto dun cuarto dos mamíferos.

Nos últimos 500 anos xa se extinguiron 869 especies, cando a Lista Vermella de 2004 amosaba a desaparición de 784 especies, cuantificadas dende o anos 1500. "Isto permítenos chegar á conclusión que a vida salvaxe está en perigo. A extensión do risco de extinción varía así como o fan os diferentes grupos de especies", destácase neste informe. Porén, esta lista, segundo sinala a mesma organización que a elaborou, está lonxe de ser completa, xa que estímase que só están descritas o 2,7% das especies existentes.

O número de extincións é unha "estimación por baixo, mais danos unha útil ferramenta para comprender o que está a acontecer a todas as formas de vida na Terra", comentaran os autores do estudo.

"A crise da vida salvaxe é peor que a económica"
Actualmente, as alteracións climáticas non son a maior ameaza á biodiversidade do planeta: a UICN estabeleceu agora unha ligazón entre a crise financeira e a crise ambiental. Mais este feito pode mudar, avanza o informe. A situación da biodiversidade "é moito máis grave do que a crise económica", sinalou Jean-Christophe Vié, Director Adxunto do Programa de Especies da UICN e redactor principal da publicación. "Pode perderse unha industria, mais tamén se pode reconstruír. Na natureza, se perdermos unha especie, perdémola para sempre. Nunca máis poderemos recuperar ese capital".

O estudo da UICN, que se publica cada catro anos, aparece inmediatamente antes da data fixada polos gobernos para avaliar até que punto se conseguiron os obxectivos 2010 de redución de perda da biodiversidade. O informe da UICN, Wildlife in a Changing World (A vida salvaxe nun mundo cambiante) conclúe que este obxectivo non se vai conseguir.

"Cando os gobernos toman medidas para reducir a perda de biodiversidade, lógranse certos éxitos de conservación, pero aínda distamos moito de mudar a tendencia", di Vié. "É hora de recoñecer que a natureza é a empresa máis grande do planeta, que traballa para beneficio do 100% da humanidade, e que o fai de balde. Os gobernos deberían dedicar o mesmo esforzo, se non máis, a salvar a natureza que a salvar os sectores económicos e financeiros", recalca.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: