Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O NOSO TABOLEIRO

Un Mar De Grazas, XXXII Romaxe de Crentes Galegos

Supoño que xa a ninguén se lle escapa que en Aguiño estamos este ano a conmemorar o 50 aniversario da fundación da parroquia, non soamente no aspecto cristián senón tamén no de comunidade, pobo, vila mariñeira que experimentou un grande desenvolvemento a tódolos niveis no último medio século.

Unai González Suárez - 18:36 05/07/2009

Unha asociación que se chama como Paco de Aguiño

A nosa entidade, a asociación Francisco Lorenzo Mariño
é a principal organizadora das distintas actividades que
tiveron ou terán lugar neste ano. Así, celebramos xa a IV
Semana Cultural Francisco Lorenzo, con xornadas de historia
e patrimonio; tamén un concerto folk, unha representación
teatral, os actos do V Aniversario do Pasamento
de Paco, o Entroido, o ciclo de cinema social NFOK, o Día
da Bici, un certame literario de poesía e relato breve a
nivel internacional ou os actos institucionais do 9 de maio,
día no que se cumpriron os 50 anos de Parroquia.

Este acto institucional foi o principal evento ata o momento,
coa presenza do Arcebispo Xulián Barrio, entre diversas
autoridades e preto dun milleiro de persoas de Aguiño
e de toda Galicia que quixeron compartir con nós este día
histórico. O máis salientable foi o nomeamento de varios
persoeiro de Galicia polo traballo realizado por Aguiño
e a súa veciñanza e os méritos acadados a nivel persoal e
profesional que repercuten en beneficio do noso pobo a
nivel galego e internacional. Outorgáronse as distincións
de Benefator de Aguiño a Ricardo Pérez, de Aguiñés das
Artes a Manuel Ayaso, de Amigo de Aguiño a Manuel
Espiña, Chao Rego e Manuel Dourado, pero sen dúbida
a máis salientable é a de AGUIÑÉS DE HONRA que
recibiu o veciño, amigo, teólogo, sacerdote e irimego ANDRÉS
TORRES QUEIRUGA.

12 de setembro: Outra volta Romaxe an Aguiño

Aguiño está xa a preparar a XXXII Romaxe de Crentes
Galegos, a do reencontro de tantas amigas e amigos, a da
simbioses entre o mar e o agro, a da galeguidade e defensa
do idioma como eixo fundamental da nosa existencia e a
identidade do País, a dos 50 anos de Aguiño, a da gratitude
a Paco, a Agustín Bueno, a Manuel María que nos miran
dende o alén e sóprannos consellos á orella a través dos
ventos e as mareas, pero tamén o agradecemento, o recoñecemento,
a amizade e o agasallo a quen tanto nos deu
e fixo por Irimia, por Aguiño, pola Romaxe, por Deus e
por Galiza, a Pepe Chao, Espiña, Dourado, Tori, Miguelez,
López Muñoz, García Cendán, Carballo, Mini e Mero,
Xabi Blanco, Pilar Wirt, Sarai, Tareixa Ledo, Engracia Vidal,
Celia Castro, Paz Quiñones e milleiros de irimegas e
irimegos…, pero sen dúbida, e permitídenos facelo así, a
do recoñecemento a Queiruga, aguiñés universal, verdadeiro
cristián e galeguista ó que unha vez máis os fariseos
do noso tempo queren crucificar!

A Romaxe será o 12 de setembro en Aguiño, cunhas fermosas
vistas á Ría de Arousa, a Sálvora e ás pedras vivas
de Couso, batidos polo mar celebraremos un novo
encontro que por terceira vez será no noso pobo, igual
que no 79 e no 95; estamos a traballar para elo, amañando
todo para darvos a benvida máis hospitalaria, Aguiño está
dende sempre nos vosos corazóns e unha vez máis vós estaredes
en Aguiño. Non faledes a esta cita, proclamade a
nova, berrade a festa, queremos ver Aguiño inundado de
irimegos/as, temos que superar os seis mil da última Romaxe,
aquí agardamos esperanzados e ilusionados a vosa
presenza para asolagarvos con UN MAR DE GRAZAS!

Unai González Suárez. Presidente da ACRV Francisco
Lorenzo Mariño, Aguiño.


4.53/5 (17 votos)