Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Sombras urbanísticas no proceso

Moción de censura en Gondomar: asalto a solo privilexiado

A mobilización dos veciños contra a moción non parece ir mudar o pacto de PP e PSOE. Atrás, gorentosos intereses económicos.

R. Noguerol - 17:00 06/07/2009


A poucas semanas de que os gondomareños pasasen polas urnas para decidir o novo equilibrio de forzas nas eleccións municipais de 2007, a Garda Civil detiña o daquela concelleiro de Urbanismo, Alexandre Gómez Garrido, e o concelleiro de Cultura, Xosé Luís Mosquera, ambos os dous integrantes do goberno en maioría do PP. O motivo: a súa implicación nunha rede urbanística que incluía o cobro de comisións a cambio do outorgamento de licenzas municipais. O fío investigado polo xulgado de Vigo logo das instrucións da fiscalía de medio ambiente e delitos urbanísticos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) levaría ademais até o propio alcalde, naquel entón o popular Carlos Silva.

O agora ex-rexedor, que mantén asento na corporación desde as eleccións de 2007, recibiu hai poucos meses sentenza condenatoria, considerándose probada a súa responsabilidade na concesión fraudulenta de licenzas. De non aceptarse o seu recurso, pendente de resolución, Silva enfronta agora condena de ano e medio de cárcere e varios anos de inhabilitación por delito de prevaricación.

A cobiza de millóns de metros cadrados a pé da metrópole viguesa
A pasada fin de semana, os propios protagonistas da moción de censura, os voceiros de PP, PSOE e Move Gondomar, aclaraban un segredo a voces: o seu obxectivo prioritario de acelerar o planeamento urbanístico local. Así, e malia que inicialmente mencionaron a redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), quen aspira a ser novo alcalde, o popular Martín Urgal, admitiu que aposta pola revisión e adaptación do plan de 2006, suspendido e rexeitado pola anterior Xunta debido ás evidencias de irregularidades.

A tentación de sacar do caixón aquel polémico documento bota bastante luz sobre o modelo urbanístico en perigo de volver guiar a actuación política do goberno local gondomareño. Exemplo de cifras, recorda o actual alcalde Antonio Araúxo: aquel PXOM recualificaba "dunha tacada" arredor de 600 mil metros cadrados, entre solo rústico e protexido incluído e doutra banda estabelecía para outro millón de metros cadrados a categoría de solo "urbanizábel non delimitado". "Eufemismo para, na práctica, urbanizar a tutiplén, moitas veces case en primeira liña de praia", láiase Araúxo.

"O urbanístico é o fío condutor que os une nesta moción", avalía Manuela Rodríguez, voceira comarcal do BNG. Opina Rodríguez que o acontecido é mostra da intención do PP de apañar poder nos municipios do país "sexa polo método que sexa". "Será un goberno local unido polo formigón", sentenza Antonio Araúxo.

Urgal, futuro alcalde, vería resolto un problema urbanístico persoal
O hotel rural en construción na parroquia gondomareña de Borreiros, proxecto da empresa Prodein Val Miñor SL da que é socio o propio Martín Vicente Urgal, non conta con licenza, segundo explican desde o Concello, e ten enriba orde de derrubamento por varias irregularidades urbanísticas. A mesma empresa tería abertos outros conflitos noutras iniciativas inmobiliarias locais.

En opinión dos nacionalistas, un primeiro beneficio concreto, e persoal, para Urgal, logo desta moción, sería o desbloqueo desa licenza urbanística. "Non é un merlo branco, senón un depredador perigoso", apúxolle o actual alcalde, Antonio Araúxo, ao candidato do PP a relevalo. Araúxo acúsao ademais de ser no seu momento "consentidor" dos anteriores casos de corrupción urbanística atopados no Concello de Gondomar os últimos anos e baixo o goberno do PP.

O PSdeG local, tamén en relacións coa construción
Tamén se lle atribúen a Afonso de Lis, actual voceiro do grupo socialista local, supostos vínculos coa promoción urbanística en Gondomar. Ademais, o edil socialista tería aberto un proceso de derribo dunha nave industrial da súa propiedade no veciño Concello de Oia.

Por outro lado, reprochan ao respecto os nacionalistas que os tres edís socialistas que asinarán a censura vano facer a cambio dun pacto de goberno no que, de xeito concreto, aceptarán menor grao de competencias das ofrecidas no seu momento polo BNG local no marco do pacto para un bipartito gondomareño. E doutra banda, na memoria está a moción de censura que, hai case vinte e cinco anos, xuntara tamén a PP e PSOE en Gondomar, abortada daquela debido ás tensións cidadás abertas. Consideran desde o Bloque que aparecerían claras pegadas daquel caso nos instigadores desta moción, "son os que mandan no PSOE de Gondomar", e apuntan directamente a dous dos asinantes daquela censura anterior: Gilberto Vila e José Domínguez.

"Move Gondomar", sombras na orixe da escisión
O edil independente Manuel Núñez Sestelo, clave agora para a moción de censura desde o seu único asento á fronte de Move Gondomar, é obxecto tamén de belixerantes críticas desde o actual equipo de goberno.

Recordan ao respecto que esta formación xorde no seu momento como unha escisión do PSdeG local. Ao fío, lembran que o sumario de instrución do proceso por suborno e prevaricación inclúe a declaración dun dos imputados sobre o desvío irregular de cartos coa fin de financiar esta fenda no socialismo de Gondomar e a campaña electoral seguinte. "Se asina cos ollos pechados a moción será que ten moito que pagar", repróchanlle desde o BNG a Sestelo.


Ligazóns

4.23/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: