Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O presidente de Costa Rica, mediador

As conversas entre Zelaya e os golpistas non serán "de igual a igual"

Óscar Arias lembra que a comunidade internacional non recoñece o goberno imposto, que visita EUA da man de John MacCain, logo da xuntanza de 'Mel' e Clinton.

Redacción - 11:30 08/07/2009
Óscar Arias

Óscar Arias

O presidente de Costa Rica, Óscar Arias, asegurou este martes nunha entrevista na canle multinacional americana TeleSUR que as conversas previstas para este xoves en San José entre o mandatario lexítimo de Honduras, Manuel Zelaya, e o imposto, Roberto Micheletti, non han ser "de igual a igual", xa que a comunidade internacional non recoñece o goberno golpista.

"O martes pola mañá Roberto Micheletti pediume a intervención e eu díxenlle que si. E posteriormente, cando o presidente Zelaya me chamou tamén para me manifestar o mesmo, dixo que estaba na mellor disposición de chegar a Costa Rica o máis pronto posíbel", sinalou.

Arias negou que a súa mediación sexa unha petición dos Estados Unidos, aínda que si recoñeceu que se lle preguntou pola súa disposición. "Non me podía negar como non se pode negar ningún latinoamericano que poida axudar o pobo hondureño", afirmou.

Clinton con Zelaya, McCain cos golpistas
Zelaya, que este martes mantivo unha xuntanza coa ministra de Exteriores estadounidense, Hillary Clinton, advertiu dende Washington que en San José non haberá unha negociación senón que servirá de "plataforma para a saída das autoridades de facto e o retorno do goberno lexítimo". Pola súa banda, Micheletti tamén se adiantou a dicir que el non vai a Costa Rica negociar nada.

Clinton declarou trala xuntanza que é a hora de iniciar "o diálogo" e manifestou o seu apoio á mediación de Arias, tamén premio Nobel da Paz. "Instamos as partes a evitar actos de violencia e a buscar unha solución constitucional pacífica e duradeira ás serias divisións a través do diálogo", dixo.

Ademais, o Departamento de Estado (Ministerio de Exteriores) dos EUA anunciou a conxelación dos programas de cooperación militar e outros proxectos con Honduras. Porén, manterán os actuais de axuda social na loita contra a mortaldade infantil, a sida e as catástrofes naturais.  

Por outra banda, estaba prevista tamén para este martes unha conferencia no Club Nacional de Prensa da capital estadounidense de representantes do goberno golpista. O encontro cos medios, enmarcado na campaña de "información" do actual Executivo sobre o proceso constitucional, está auspiciado polo senador republicano e ex candidato presidencial John McCain.

Reaparición de Xiomara Castro de Zelaya

Namentres, en Honduras, milleiros de manifestantes protestaron fronte ao Ministerio Público de Honduras para demandar o regreso de Zelaya. Encabezou a protesta a primeira dama, Xiomara Castro de Zelaya, que reapareceu en público por vez primeira dende o golpe de Estado. Castro pediulles ás organizacións populares continuar coa loita pacífica.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: