Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Escociafobia'?

O financiamento autonómico tamén 'proe' no Reino Unido

De "Arbitraria e inxusta", cualifican os Lords a fórmula utilizada polo Goberno británico para a repartición do diñeiro que, din, outorga máis a Escocia ca Inglaterra.

Fernando Arrizado - 09:30 19/07/2009
'House of Lords'

'House of Lords'

A Fórmula Barnett é o mecanismo utilizado no Reino Unido para estabelecer a porcentaxe de diñeiro extra dos impostos que lles corresponde a Inglaterra, Escocia e Gales (Irlanda do Norte sempre foi considerado un caso especial, debido ao conflito entre republicanos e unionistas, The Troubles).

Toma como referencia principal o número de habitantes: as rexións inglesas levan o 85%, as escocesas apañan o 10%, e o 5% restante vai parar as galesas. Porén, un recente estudo do Institute for Public Policy Research (IPRR, vinculado ao Partido Laborista) asegura que Inglaterra sae prexudicada con este sistema.

O propio Joel Barnett, que artellou o sistema a finais da década de 1970, influíndo no referendo de 1979 sobre a devolution (reinstauración do Parlamento) en Escocia, tamén o cualificou de inxusto. Mesmo afirmou que a suposta discriminación dos cidadáns ingleses podería levar a desintegración do Reino Unido.

Porén, do estudo do IPPR extraese que a capital inglesa, Londres, é a máis beneficiada pola Fórmula Barnett. O Executivo escocés (gobernado polos nacionalistas do SNP), pola súa banda, defende que é Escocia a que está sustentando o resto do Estado co petróleo do Mar do Norte.

"Arbitrario e inxusto"

Esta quinta feira, o comité encargado de supervisar o sistema na House of Lords (cámara alta do Parlamento británico) cualificouno de "arbitrario e inxusto" e avoga por desbotalo, informa a prensa inglesa. En troques, piden un novo que se basee principalmente nas necesidades económicas de cada nación.

Argumentan, que mentres Escocia recibe máis diñeiro dos impostos recadados do que, din, lles correspondería, o que chega a Gales e Irlanda do Norte é escaso. Un outro xeito de dicir dende Londres que os escoceses (que comparten cos cataláns o tópico de seren "mesquiños" cos cartos) quitan a galeses e irlandeses do Ulster unha parte do que lles correspondería.

Así, tamén hai queixas de cidadáns ingleses que consideran que están a subvencionar servizos públicos como a atención aos maiores ou as revisións dentais gratuítas en Escocia, ás que eles non teñen acceso nos condados de Inglaterra en que residen.

Ao respecto da polémica, o Ministerio da Facenda (Treasury) comprometeuse a examinar as "recomendacións" do comité da Cámara dos Lores, mais sinalou que polo momento non teñen previsto desbotar a Fórmula Barnett.


4.8/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: