Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O inicio dun camiño cheo de obstáculos

30 anos de galego no ensino

O 20 de xullo de 1979 aprobábase o Real Decreto que regulamentaba a incorporación da lingua galega ao sistema educativo de Galiza.

Redacción - 17:15 20/07/2009

"A Constitución, suprema expresión da vontade da Nación española, protexe as culturas, tradicións, linguas e institucións de todos os pobos de España". Así comeza, redactado en castelán, o Real Decreto 1981, de 1979, que regulamentaba a incorporación do galego ao sistema educativo de Galiza e do que este luns se cumpren exactamente 30 anos.

A norma tiña por obxecto "iniciar o camiño para a incorporación da Lingua e Cultura Galegas ao sistema educativo de Galiza durante a actual situación transitoria até a promulgación do Estatuto desta Comunidade Autónoma", algo que acontecería case dous anos despois. Antes chegarían o Real Decreto 2092/1978 do catalán en Cataluña, e o Real Decreto 1049/1979 do vasco en Euskadi.

Asinado polo vigués Xosé Manuel Otero Novas, ministro de Educación no goberno de Adolfo Suárez, o RD 1981/1979 asentábase sobre un piar básico, recollido no seu primeiro artigo: que todos os alumnos adquirisen o dominio oral e escrito de castelán, e tamén, coa súa incorporación aos plans de estudo, o de galego.

Nos artigos seguintes estabelecese como ha de ser esta incorporación: unha materia obrigatoria na Educación Preescolar, na Educación Xeral Básica (Primaria) e na Formación Profesional de Primeiro Grao, tendo en conta "as condicións sociais e lingüísticas existentes", "as distintas situacións pedagóxicas" e "en todos os casos, as circunstancias persoais dos alumnos".

Ademais contemplaba a adaptación dos plans de estudos de Bacharelato "para dar cabida en Galiza ao ensino da Lingua e Cultura Galegas, dentro do horario escolar". Con este fin, "conforme ás dotacións dispoñíbeis", prevía a creación de "Cátedras de Lingua e Literatura Galegas", tamén no ámbito da Formación Profesional de Segundo Grao.

Lingua materna e criterio dos pais

Un punto clave no decreto aparecía no artigo tres, e facía referencia á posibilidade de que o ensino se "basease na lingua materna, castelá ou galega, dos alumnos". O RD 1981/1979 dispoñía que o Ministerio de Educación e a Xunta de Galicia poderían adoptar "conxuntamente" medidas para o "facilitar", "cando se dispoña dos medios adecuados para iso".

A norma permite, xa que logo, "desenvolver programas en Lingua Castelá ou Galega". Unha posibilidade supeditada a tres premisas: que teña en conta "a lingua materna da poboación escolar", "as opcións manifestadas polos pais dos alumnos a quen afecte" e "os medios de que se dispoña".

"Fonte de conflitos, denuncias e represión"
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, lembra que a aplicación da norma "foi fonte de conflitos, denuncias e mesmo represión, coa apertura dos primeiros expedientes" aos profesores máis comprometidos con impartiren as aulas en galego.

Neste senso, recorda tamén que a resposta do profesorado naquel "momento histórico" foi moi importante, e asegura que "os poderes estabelecidos" e "os caciques locais" tentaron, con éxito en moitas ocasións, "instrumentalizar os pais e as nais" e crear a sensación de que "non se quería o galego nas aulas". Ademais, facilitaron que os alumnos dos proxenitores máis hostís fosen mudados de aula se o profesor era dos comprometidos coa lingua propia do país.


4,56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: