Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NEGOCIO ELÉCTRICO

Outro espazo da Rede Natura que leva o vento

Colectivos ecoloxistas denuncian a aprobación definitiva da instalación dun parque eólico na Serra do Iribio, nos concellos de Triacastela e Samos.

Redacción - 09:30 21/07/2009
Os muíños de vento, duns 100 metros, situaranse no cimo dunha montaña de 1.440 metros e serán visíbeis dende o Bierzo ou Lugo capital

Os muíños de vento, duns 100 metros, situaranse no cimo dunha montaña de 1.440 metros e serán visíbeis dende o Bierzo ou Lugo capital

Triacastela e Samos, no medio do Lugar de Interese Comunitario (LIC) Ancares-Courel, serán o escenario dun novo parque eólico, logo de que o pasado xoves 16 de xullo se publicase no DOG a resolución pola que se aproba este proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Dende colectivos ecoloxistas, sociais e culturais denuncian o sometemento desta rica zona paisaxística aos intereses do negocio eléctrico.

Unha historia chea de irregularidades
A tramitación deste parque eólico da Serra do Iribio comeza en xullo de 2005 coa publicación no DOG e no BOP de Lugo do anuncio polo que se sometía a información pública o Estudo de Impacto Ambiental por un prazo de 30 días hábiles. Dende Adega subliñan que este requirimento se produciu tan só 10 días despois de celebrárense as eleccións autonómicas, polo tanto, cun goberno en funcións.

Deste xeito, a Declaración de Impacto Ambiental está asinada polo anterior Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Xosé Manuel Álvarez Campana, en agosto de 2005. En consecuencia, non pasou nin un mes dende que se sometese o Estudo a información pública e que este fose aprobado. Esta celeridade é sospeitosa para Adega, xa que "normalmente a tramitación destes procedementos tarda máis dun ano".

Na mesma liña se pronuncian dende a Asociación Sociocultural Iribio, que consideran "un insulto á lexislación" o procedemento seguido neste caso xa que "se lle concedeu como favorábel unha Declaración de Impacto Ambiental con todo tipo de erros de fondo e forma". Recordan que non constan os informes de consellarías e organismos que son vinculantes e denuncian que fose elaborada no "espectacular prazo dun mes, co goberno Fraga en funcións e foi asinada polo Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o día antes do seu cesamento, que deu o visto bo a un expediente chapuceiro e cheo de erros e no que faltaban importantes informes e estudos previos".

En Rede Natura e no Camiño de Santiago
O parque eólico situarase na rede de espazos naturais protexidos no ámbito da Unión Europea, Rede Natura e, segundo o colectivo Iribio, a propia documentación achegada pola empresa na súa solicitude recoñece que afectan seriamente a catro hábitats e contabiliza máis de 30 especies ameazadas na zona ocupada polos muíños de vento. Dende Adega tamén recordan que esta zona ten iniciado xa os trámites para converterse en parque natural polo que "non é doado de entender que os propietarios dos solo teñan que soportar importantes limitacións que tan automaticamente desaparecen cando se trato do negocio das empresas da xeración eléctrica".

Ademais, a Asociación Sociocultural Iribio subliña que este parque é unha agresión ao patrimonio material e inmaterial do camiño de Santiago, xa que destacan que "os aeroxeneradores incluídos de uns 100 metros de altura están proxectados no cimo dunha montaña de 1.440 metros de altitude e serán visíbeis dende o Bierzo ou Lugo capital". Asemade, denuncian a agresión ao patrimonio arqueolóxico e histórico do Camiño Real.

Ademais, falan doutra importante agresión ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos afectados, aseguran que é un insulto aos veciños e que asenta un precedente para novas concesións en espazos protexidos.

Accións legais
Dende Adega, xa se presentou un recurso de alzada contra esta Declaración de Impacto Ambiental, por canto afecta ao LIC Ancares-Courel, pero tamén "porque resultaría absolutamente inaceptábel que se puidera das por válido un estudo tan sospeitoso como este do parque eólico Serra do Iribio".

Pola súa parte, o colectivo sociocultural presentou un recurso de reposición á licenza municipal de obras no Concello de Triacastela ao detectar diversas irregularidades que consideran que anularían o permiso. Tamén formalizarán un recurso perante a Xunta, iniciaron charlas informativas nos concellos afectados e iniciarán unha campaña de recollida de sinaturas contra o proxecto.


Ligazóns

4,82/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O Estudo de Impacto Ambiental foiasinado polo Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o día antes do seu cesamento
O Estudo de Impacto Ambiental foiasinado polo Director Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o día antes do seu cesamento
Está situado en Rede Natura e no Camiño de Santiago
Está situado en Rede Natura e no Camiño de Santiago
Diferentes colectivos xa iniciaron accións legais contra este parque eólico / Imaxes: Asociación Sociocultural Irimio
Diferentes colectivos xa iniciaron accións legais contra este parque eólico / Imaxes: Asociación Sociocultural Irimio