Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
LUNS 27, EN SAMOS

Fiz Vergara: Un roteiro polos 'eidos da bremanza'

A Agrupación Cultural Ergueitos e a AELG organizan unha homenaxe que irá máis aló da literatura, e que inclúe a instalación de pezas artísticas.

Redacción - 10:30 26/07/2009

O roteiro comezará ás seis da tarde en Aira Padrón (Samos), até chegar á casa natal de Fiz Vergara en Santalla de Lóuzara. A Agrupación Cultural Ergueitos e a Asociación de Escritores en Língua Galega tentan este ano que o habitual percorrido polos lugares que habitou o poeta se converta nun parque escultórico que lembre ao poeta a través de poemas escollidos da súa obra con referencias xeográficas concretas do val de Lóuzara e das intervencións artísticas creadas tendo como base eses poemas, procurando incardinar as obras plásticas na paisaxe louzarina.

Entre os artistas que participan destacan Fernado Yáñez, Manuel Caamaño, Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Primitivo Lareu e Paco Pestana.

Fiz Vergara Vilariño naceu en Samos en 1953 e viviu afectado por unha grave doenza. Publicou Pra vós (1971), Encontro cos tiburós (1973), Orfo de ti en terra adentro (1976), Poeta muiñeiro á deriva (1983), Nos eidos da bremanza (1990, Premio Galicia da Crítica) e Pastora de sorrisos (1993). Faleceu en 1997.

Anguria

Ún xa non sabe que facer
nesta vida
Xa non sabe si será
mellor deixarse caír
na lama como un peixe morto
ou seguir carrexando
o seu noxo polas congostras.

Ún está desesperado.
Ó fin i ó cabo quixera vivir,
quixera ser luz, quixera ser home
e non cederlle a ninguén
o seu posto na loita.

Ún quixera vencer a canseira,
arrombar a delor,
crebar as cadeas
e cantar libremente
unha cántiga moza nos solpores.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: