Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Flag4us

Piden que traian de volta a primeira bandeira na Lúa, cosida por unha portuguesa

Unha campaña-brincadeira de recolleita de sinaturas solicítalle a Obama que lle devolva o pano a Maria Isilda Ribeiro.

Redacción - 18:00 22/07/2009

A bandeira estadounidense que Neil Armstrong chantou na Lúa foi cosida por unha portuguesa. Maria Isilda Ribeiro traballaba daquela na fábrica de bandeiras Annin, en Roseland, Niuchese. O pano custou 5,50 dólares, e Ribeiro cobrou polo traballo de media hora uns 40 centavos.

Agora, 40 anos despois, xorde unha campaña na internet para que Obama mande buscar a bandeira á Lúa e lla devolva a Maria Isilda, que ten agora 63 anos. Deste xeito, queren "que os seus fillos e netos, e os fillos e netos de todas as persoas do mundo poidan ver que é verdade, que a bandeira existe e que dona Isilda a fixo coas súas propias mans". A campaña, que no fondo non é máis ca unha brincadeira, está teoricamente asinada por María Isilda e está a recoller sinaturas de apoio a través de diversas redes sociais.

Ribeiro volveu hai cinco anos dos Estados Unidos. Nunha entrevista publicada por Ionline, lembra que a bandeira non foi bordada, senón estampada. Ela encargárase das costuras, mentres que o estampado o fixera outro portugués, "máis vello". Na fábrica confeccionaban bandeiras conmemorativas, aínda que a que Maria Isilda lembra mellor é a de 50 metros que bordou para o centenario da ponte George Washington, en Nova York.

A primeira bandeira en chantarse na Lúa era sinxela, de nylon e fibra de vidro, mais non tanto o tubo que se deseñou para sostela, que custou 75 dólares daquela. A súa función foi meramente simbólica, pois as Nacions Unidas declararon que o espazo, a Lúa e outros corpos celestes non poden ser reivindicados por "ningunha nación".

Porén, a iniciativa de recuperar a bandeira, aínda que realmente tivese éxito e o presidente estadounidense accedese a decretar unha misión ex profeso para obter o pano, non serviría de moito. Aínda que na Lúa non hai atmosfera, as temperaturas extremas, que oscilan de 180 graos de día a -170 de noite, non garanten a súa conservación. Ademais, dise que os primeiros astronautas en pisar o satélite aseguraron que viron tombar a bandeira cando embarcaron de volta á Terra.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: