Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DEBATES E LIBROS NO DÍA DA PATRIA

O 25 de xullo alimenta o espírito

O Campus Sur, Belvís ou a Gentalha do Pichel acollen na fin de semana de festa debates, mesas redondas e presentacións de libros e discos.

Redacción - 09:30 24/07/2009

Non todo vai ser festas e manifestacións. O 24 e 25 de xullo Compostela atrae a milleiros de persoas de todo o país, que celebran o Día Nacional de Galicia, e que teñen ao seu dispor unha intensa oferta cultural. Por suposto, concertos de música, entre os que cómpre destacar especialmente os que terán lugar no Campus Sur da USC, no marco do Festigal, ou os que a noite do 24 organiza Briga en Belvís, pero tamén debates, mesas redondas e presentacións de libros.

No Festigal haberá, como todos os anos, unha 'Galería das Ideas', que acollerá debates xa dende o mediodía do día 24. Ás 13 horas Xurxo Souto, Alberto García (ex coordinador de Nsaio), Nuria Perez (Central Folque e Sala Nasa) e Xavier Campos (ex xefe de gabinete do IGAEM) discutirán sobre 'Os retos da música galega'. Xa pola tarde afondarase en 'A Unión Europea e a crise económica' (con Ana Miranda, Oriol Junqueras de ERC e Renato Soeiro do Bloco). E máis tarde, será a quenda da mesa sobre 'Feminismo, dereitos sexuais e reprodutivos'. O 25 pola tarde presentarase a Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA), presidida por Pilar Neira. E ás seis e media, Carlos Callón, Goretti Sanmartín e Bieito Lobeira falarán sobre 'A lingua galega'.

Tamén haberá moitas presentacións de libros, destacando especialmente os de Galiza: Língua e Sociedade (venres 24 ás 16.30), 'Una monarquía protegida por la censura' de Iñaki Anasagasti (24 ás 20.15), 'Caderno de Animalista' de Antón Fortes (sábado 25 ás 17.30) e 'Sobre o racismo lingüístico' (25 ás 19.30). Ademais, 'Do Ñ para o NH' de Valentim R. Fagim, 'O natural é político' de Teresa Moure 'De fala a lingua: un proceso inacabado' de Pilar García Negro, 'Nos camiños do entusiasmo' de Goretti Sanmartín, 'Rosalía de Castro, luz da ousadía' de Diego Pardo Amado, 'A cociña de larpeiros' de Benigno Campos, 'Piñeiro contra Castelao. Castelao contra Piñeiro' de X. C. Garrido e 'A perspectiva desde a porta' de Patricia A. Janeiro.

Pero hai vida alén do Festigal. O 24 pola tarde AMI organiza a XV Rondalha da Mocidade Independentista na Porta do  Camiño (Praza 8 de marzo). Ás cinco da tarde terá lugar unha palestra sobre 'Monolinguismo social na Galiza', na que falarán Isaac Xubín (Redes Escarlata), Beatriz Pérez Bieites (Gentalha do Pichel), Leo F. Campos (profesor e músico) e Aurélio López (AMI). A seguir, ás sete e media, está prevista a realización dunha cadea humana pola liberdade dos presos independentistas na Praza de Galicia. Finalmente, Os da Ría e Mini e Mero porán humor e música ao acto político de AMI, que comezará ás oito e media.

Os actos de Causa Galiza, no parque de Belvís, son o 25 pola tarde e inclúen a presentación de catro libros: 'A perspectiva desde a porta' de Patricia A. Janeiro, 'Manifesto contra o traballo' do Grupo Krisis, 'Galiza Vencerá' de Maurício Castro e 'FAQ de reintegracionismo' da Gentalha do Pichel. Haberá tamén deporte, cun Open de Billarda e un partido de futbol entre Siareiros Galegos e Causa Galiza. Xa á noite, na Gentalha do Pichel presentarase o dobre cd 'A Gaita Armada', que compila temas populares e cancións de loita.


4,38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: