Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLO GALEGO E POLO EMPREGO

"Vencemos a Fraga, venceremos a Feijoo"

O voceiro nacional do BNG defendeu o galego "do ataque sen precedentes" orquestrado pola Xunta, avogou polo "dereito a traballar na nosa terra" e demandou un Estatuto de nación.

Isabel G. Couso - 16:30 25/07/2009

"Veñen contarnos, pero non teñen capacidade para facelo", ironizou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, no único silencio que se fixo durante o seu discurso a propósito do rebumbio causado polo sobrevoo dun helicóptero sobre a Praza da Quintana. E abofé que a dificultade para a contabilidade é palpábel, a tenor das xa clásicas contradicións sobre o número de persoas que tomaron parte na marcha convocada polos nacionalistas. As estatísticas van dende as 20 mil almas das que fala a organización até as 15 mil das que falan algúns medios. O que si non ten discusión é que eran milleiros os militantes e simpatizantes da formación quen, arroupados por pancartas e bandeiras, amosaron a súa enérxica entrega no Día de Galiza no que se manifestaron ao chamado de "Movámonos polo galego e polo emprego".

Acertos e erros, mais balance positivo
"Aquí estamos os que non renunciamos, nin renunciaremos xamais, á Patria Galega" berrou Guillerme Vázquez, segundos antes de que fose interrompido polo primeiro dos moitos aplausos que acompañaron a súa intervención. "Sei que ás veces podemos sentir certo desalento", concedeu en referencia aos resultados electorais do pasado primeiro de marzo, "mais o balance da experiencia do nacionalismo no goberno no país foi globalmente positivo; con acertos e erros, pero positivo".

O inicio do discurso tivo tamén palabras para o proceso asembleario vivido no seo do BNG: "puidemos caer na tentación de ficar lamentándonos, pero eliximos reaccionar", dixo, "temos Dirección e temos liña política definida". Cunha mensaxe de optimismo e nun chamamento á unión, Vázquez apelou á "convicción absoluta" de que o nacionalismo é a única alternativa ao goberno do PP e pediu "esforzo, entusiasmo e compromiso" aos afiliados e tamén a aqueles que aínda non son militantes, "para que vos sumedes a nós", porque "todos e todas temos cabida neste proxecto común".

Ataque sen procedentes sobre o idioma
O actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, centrou outra boa parte das críticas do voceiro nacional do BNG. A el acusouno de "estar ao servizo de minorías extremistas, de Aznar e de Rajoy" e de aspirar a "conseguir a España unilingüe". Tomando man de Castelao, de Rosalía ou de Carballo Calero, prognosticoulle un mal resultado no seu propósito: "o idioma dos nosos pais e avós, será o idioma dos nosos fillos e fillas! Terá mil primaveras máis!".

Ademais, lamentou que o Goberno estea en mans de quen "non acredita no autogoberno", quen, máis que defender os intereses de Galiza, pretende facer "carreira persoal, pregándose ao que lle ordenen dende Madrid" e quen goberna "para favorecer aos seus amigos", en referencia aos seus "esforzos por botar abaixo o concurso eólico".

Non queremos emigrar
A crise económica tamén estivo presente na alocución do portavoz nacional do BNG. O conflito do metal, as traballadoras de Caramelo, de Treves, os prexudicados polo peche da planta de Pascual ou os gandeiros afectados pola crise máis importante que se recorda no sector tiveron un espazo de solidariedade na compostelá Praza da Quintana. Entre aplausos, os nacionalistas apoiaron as súas reivindicacións, ao tempo que Guillerme Vázquez lamentaba que o Goberno "non defenda os intereses de Galiza".

Sobre o plan de financiamento, sobre a débeda histórica ou sobre a "necesaria soberanía económica" tamén falou Vázquez, desta volta citando a obra ensaística de Xosé Manuel Beiras.

Estatuto de nación
"Andan argallando unha reforma que consolide o noso país na segunda división", dixo o portavoz nacional, en referencia ao posicionamento mantido nos últimos días por PSdeG e PP sobre a reforma estatutaria. "Pois que saiban que para ese fin non van contar co BNG", berrou ao tempo que asegurou que os nacionalistas non consolidarán un "financiamento inxusto para Galiza", nin avalarán "un novo atraso na modernización ferroviaria", nin permitirán a "perda de control polo Goberno das caixas de aforro".

Neste marco, rexeitou o neoliberalismo: "o actual sistema económico é desigual e xerárquico", e defendeu "outro modelo económico e político, onde se respecte o libre dereito dos pobos a decidiren o seu destino". Así, asegurou que "fronte á claudicación e ao conformismo, aquí está o BNG!" e lembrou que "os dereitos non se regalan, conquístanse", ao tempo que alentou ao nacionalismo a traballar a prol deses dereitos tirando man do poeta Manuel María. "Non dubido que así o faremos; non dubido que o conseguiremos!", rematou, entre aplausos.


4,37/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cabeza da marcha, coa executiva en pleno do BNG / Foto: IGC
Cabeza da marcha, coa executiva en pleno do BNG / Foto: IGC
Imaxe da manifestación / Foto: IGC
Imaxe da manifestación / Foto: IGC
O portavoz nacional do BNg, Guillerme Vázquez, durante a súa intervención /Foto: IGC
O portavoz nacional do BNg, Guillerme Vázquez, durante a súa intervención /Foto: IGC
Carlos Aymerich aplaude o discurso de Vázquez / IGC
Carlos Aymerich aplaude o discurso de Vázquez / IGC
Os responsábeis do BNG interpretan o Himno / IGC
Os responsábeis do BNG interpretan o Himno / IGC