Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Financiamento a debate no Parlamento

O PSdeG acusa o presidente de "cinismo" e de mentir "por un bo titular"

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, ofrécelle ao PP "apoio" para as relacións bilaterais co goberno español e censura a posición actual do presidente da Xunta.

Redacción - 18:30 30/07/2009

"Só desde a demagoxia se pode pretender que o modelo sexa á medida de Galiza", explicaba este xoves no Parlamento o líder do PsdeG. Admitiu Manuel Vázquez que o modelo de financiamento autonómico que está agora mesmo enriba da mesa "é mellorábel", pero insistiu en cualificalo de "bo", asegurando que "mellora ostensiblemente o anterior" e prognosticou que "mellorará a calidade de vida dos galegos".

Vázquez dixo ver "cinismo" na chamada "abstención intelixente" da que falou Núñez Feijoo, e recordou que finalmente "ninguén votou en contra" polo que, subliñou, se trata dun modelo "moito mellor" que o anterior. Nesa liña, o secretario xeral dos socialistas ofreceulle aos populares o apoio do PSdeG para "conseguir todo o posíbel" nas negociacións bilaterais que se desenvolvan con goberno español. "Pero non para mentir", avisoulle, acusando o presidente de mentir "por un bo titular".

Entre outros detalles, Vázquez criticou que o líder do PpdeG tratase de "confundir" no discurso cara á cidadanía os fondos adicionais co modelo final e alertou sobre o paradoxo de que "acuda pedir máis fondos" ao debate en Madrid mentres que en Galiza "rebaixa impostos de xeito demagóxico". "Estamos abertos a construír, pero sempre que vostede actúe como presidente de Galiza e non do PP", ofertou, recordando o seu convite á reforma do Estatuto e laiándose de que, xustamente, a ausencia dun "Estatuto blindado" deixase eivada a posición de Galiza neste debate. Doutra banda, propuxo que o Goberno fixe o compromiso de que o 80% dos fondos adicionais do financiamento autonómico se destinen a "garantir" a educación e a sanidade públicas e a financiar o sistema de benestar.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: