Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Miradas atlánticas

Cuba e Galicia: camiños de ida e volta

Achegámoslles o texto lido pola escritora cubana Yanelis Velazco na apertura da Feira do Libro de Melide.

Redacción - 10:45 03/08/2009

A semana pasada achegabámoslles xa unha pequena conversa coa cubana Yanelis Velazco Fajardo, autora do ensaio 'Xosé Vázquez Pintor: la memoria que reconstruye un mundo', e pregoeira do evento literario melidao. Desta volta, velaquí teñen o texto lido pola escritora na apertura da cita:

CUBA E GALICIA: CAMIÑOS DE IDA E VOLTA”
Hoxe é un día memorable para min, por moitas razóns. A primeira delas, a oportunidade de facer o pregón nunha festa da palabra como é ista Feira do libro de Melide. Como os acontecementos que nos levan pola vida e que non acadamos a comprender completamente no plano da realidade, penso que o feito de ter asistido ás dúas feiras que se celebraran neste Concello, máis alá doutros nexos dos que falaremos máis adiante, ten que ver cunha materia casi máxica que latexa no corpo (cultural, histórico, persoal) de Galicia e Cuba. Outra das razóns, é que me permite facer unha viaxe (agora dende a fonte sempre fundamental que é para min a lingua galega) polo espazo de Galicia, e en especial de Melide, seguindo dalgún xeito os trazos esenciais que esta Matria deixara en min hai algún tempo, e que quizais poda eu entregarlle algún día, dende a urxencia da poesía e por suposto do amor. E sempre, o tópico da viaxe comeza na travesía, nun percorrido polo espazo físico que marca a distancia, e que no caso particular de Galicia e Cuba son camiños de ida e volta, por un anaco de mar que dende hai séculos é testemuña da memoria. A casa grande do alén mar, que foi para os fillos de Galicia un dos destinos fundamentais da emigración, convirtiuse tamén nun espazo esencial de pensamiento e acción, cara a conformación e a defensa da identidade galega. Soamente lembro un dos feitos máis 2 importantes neste percorrido da memoria histórica e que axudan a validar a forza destes lazos: a creación da Real Academia Galega (que debe os esforzos a boa parte da emigración galega en Cuba) e os versos do himno galego, que se cantou por primeira vez na Habana e que, para quen coñecemos a significación deste acontecimiento na nosa historia común, son resoancias que perduran máis alá do tempo.

Para as xeracións máis xoves do meu país, Galicia foi por moito tempo unha palabra perdida na memoria do avó, unha foto vella, un chapeu pendurado no armario de sempre. As memorias, non hai dúbida reconstrúense dende o íntimo, es as moitas veces rematan detidas nunha dimensión á que acedemos toda vez que o reclame a distancia. Máis eu, que ata agora non teño referencias dalgún familiar galego e que crecín cunha idea moi limitada do que Galicia era no mapa do mundo, reproducindo ás veces esa imaxe da Galicia ruralista que aínda existe no exterior, cheguei a ela a través da súa cultura e da súa lingua. Primeiramente aprendín a falar galego e moitos anos despois, case cinco, achegueime ó espazo xeográfico, e nesta cuestión de orde radica para min a singulariedade dos meus lazos con esta terra. Eu nunca fixen o Camiño de Santiago, é unha débeda con Galicia e máis comigo mesma que teño que saldar no futuro, pero quizáis este camiño de lembranzas que imos percorrer é para min unha especie de peregrinaxe cara ó encontro cunha cultura dende a profundidade, de procura e achádego dunha parte do meu ser interior que está ligado a estas terras.

Lembro agora, neste percorrido persoal, os meus anos de estudante na Facultade de Artes e Letras da Universidade da 3 Habana, cando un dous meus amigos falou da existencia dunha Cátedra de Cultura e Lingua Galega e fun a preguntar, levada máis pola curiosidade que polo coñecemento real da materia. E alí fiquei, durante todos os anos de estudos, alternando as horas da mañá e da tarde para poder asistir a todos os encontros. Deses anos, dese entusiasmo e fervor inicial conservo aínda algúns escritos que non teño amosado a ninguén, e que quizáis algún día me atreva a facelo: por exemplo, interesoume o tema do cine galego, a poesía de Méndez Ferrín e un intento de estudo comparativo, entre o Inferno de Dante Alighieri e O divino sainete de Manuel Curros Enríquez, que independentemente do alcance ou non do traballo, fala da miña vontade dende entón, de falar de Galicia cunha perpectiva integradora e non illada do resto do mundo. Un dos momentos máis significativos foran as clases de tradución, cando descubrín as palabras e frases que non poden ser pasadas ó castelán, sen perder algúns significados ( saudade, baiurar, cabo de lonxe).

Iso falábame dunha lingua enriquecida no seu plano léxico, falábame de dimensións nas que o galego nomea a súa realidade dun xeito particular, que outra lingua non pode abranguer. Eu tiña vinte anos, pero puiden comprender isto e dou gracias agora por ese instante de reflexión. Logo, chegou o momento de selecionar o tema de investigación para a tesina coa que tiña que facer o último exercicio académico da miña Licenciatura en Letras, e souben que tanto coñecemento acumulado, sinalaba o camiño da investigación no terreo do galego. Coas lecturas dun día tras outro, coa porta da biblioteca pechada e ás horas que ficaba baleira, achegeime ós cadernos que publican unha escolma de poetas premiados en concursos literarios, e aconteceu a sorpresa. Tres ou catro poemas, que logo extendéronse a toda unha obra, dun señor que se chamaba Xosé Vázquez Pintor e que aínda non coñecía. Lembro on emoción, uns daqueles versos que pertencen o seu poemario Ofidios de diario: “Teño o oficio máis antigo do mundo/, máis aló do amor/. O beneficio da música, o canto/ das palabras, o mar de viño, os agros/ quentes para unha nova sementeira/ de versos”. Na superficie pódese ler a un falante poético que ten conciencia da forza da palabra como vehículo esencial do trascendente. Na profundidade da súa obra, atopamos a un ser con grandes estados de ensoñación que son apertura á cosmicidade, crecemento cara a dentro, a certeza de que aquelo que lembramos do mundo que habitamos é o xeito profundo en que permanece a conciencia do propio. Con esa intensidade e cun cartafol de cen folios na man, achegueime hai cinco anos por primerira vez a Galicia.

Para entón, tiña moitos sentimentos, ás veces encontrados: o desexo de palpar un espazo e unha cultura que xa asumira como propia, pero que ficaba baleira aínda no meu repertorio bibliográfico, no meu coñecemento detido nas páxinas dos libros; a curiosidade por escoitar a falar ós galegos entre eles e pola maneira en que ía ser recibida a miña lingua galega con acento cubano; a oportunidade de coñecer persoalmente a un poeta co cal traballara por máis de doce meses e o desexo de que as miñas reflexións non lle parecesen un conxunto de toleadas dunha nena doutro mundo. O encontro con Galicia superou todas as imaxes que puiden imaxinar. No aeroporto de Santiago, Pintor, buscaba a unha mociña cunha fisonomía caribeña, quizáis un pouco máis morena, que nunca atopou. No seu lugar eu achegueime á súa beira e á de María, coas moitas referencias visuais que tiña da prensa periódica e outros escritos, e sorprendino cun “Ola Pintor!” O demáis, o que aconteceu nesa noite chea de emocións non se pode traducir nas palabras, porque forman parte desa dimensión dos encontros que fican no fondo do ser e que perduran en actitudes e voltan de cando en vez cara a dentro, e falan comigo neste intre para lembrar que eu tamén podo sentirme, nesta mañá do primeiro de agosto, de aquí e de agora.

Así, o meu mapa xeográfico de Galicia comezou en Santiago de Compostela esa mesma noita da chegada. Pintor lévabame da man pola cidade vella de Santiago coa présa do que pensa que achegarse a unha urbe é medir a maxestade do seu encanto e que tiña que ser nesa noite, porque o tempo da comunión coa orixe é outro e non se mide polo tic tac do reloxio da Berenguela, que marcaban as dez, Santiago non podía agardar por min ata o outro día. Dese xeito, aconteceu o primeiro encontro máxico con esa marabilla, que lembro intenso e perdurable. Dende entón, cada viaxe de ida e volta convértese nun reecontro con Santiago, no que os vellos e novos amigos insisten en amosar cada un deles , o seu Santiago de Compostela, nunha especie de ritual tamén máxico que comezou Pintor e que fai da miña comunión con Galicia unha relación cada vez máis forte e ó mesmo tempo indescriptible. Nesa peregrinaxe polo espazo que unha cidade deixou nas súas vidas , as veces de estudante universitario, de ser que intenta encontrarse co máis profundo de sí mesmo e atópao na capital de Galicia. Lembro agora unha experiencia de hai uns días na Colexiata do Sar: un espazo máxico sen dúbida e que en especial fai unha metáfora entre a fisonomía da súa arquitectura e a imaxe de resistencia que ten levado Galicia ao longo dos séculos

(...)

Non podemos retornar á idade de pedra na que se exercía o poder da forza. Os fillos de Galicia, os de dentro e os de fora, deses límites de máis lonxe, debemos traballar para que as nosas linguas convivan nunha situación armoniosa e enriquecedora, para ben do presente e do futuro, para que estes nenos que agoraparticipan desta festa da palabra e retornan as súas casas cun conto nas súas maus que a nai lles le antes de durmir e que di por exemplo: “o can da casa berra dende moi lonxe”, poidan crecer coa saúde de que un dos máis grandes patrimonios da súa cultura, a
Lingua de Galicia, vive e respira nun colo xeneroso, sen ataques e por moitos séculos.

Vai facer algo máis dun ano, Xosé Vázquez Pintor viaxou á Habana na ocasión da Feira do libro adicada a Galicia, e lembro cando falaba de que somos moitas, moitos, os que nos entregábamos pola dignidade da escrita, e falaba tamén dun voo que non se apagaba namentres houbese unha andoriña luminosa na que retornaran a Galicia istos fillos de alén. Hoxe estamos aquí de novo, e a andoriña foi xenerosa con nós ao nos acoller por tantas horas sobre o Atlántico, pero o crecimiento de Galicia cara a fóra, esas dimensións que alcanza cada vez ó longo do universo, e que ten que ver tamén cun instante máxico de comunión co mellor desta terra que fica en nós cada día máis fondo, non precisa de voos. Calquera sitio é axeitado para o noso diálogo, e sempre será unha conversa dende a dignidade, e por suposto do amor.


Ligazóns

4.93/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: