Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Desacordo no tripartito

As obras do Salgueirón deixan nun fío o goberno cangués

A alcaldesa insiste en que a responsabilidade é da presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro. O concelleiro de Urbanismo ve marxe de manobra no Concello.

Redacción - 11:30 07/08/2009

Dous dos tres pés do tripartito cangués cruzaron declaracións este venres a primeira hora nos micrófonos da Radio Galega. A alcaldesa, Clara Millán (BNG) foi a primeira en intervir, afirmando ao respecto das acusacións do concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo (ACE) sobre a presunta "estafa política" ao pacto de goberno, que ao edil "sempre lle gustaron as frases grosas".

"Pero aquí o que hai é que poñerse a traballar, Cangas o que necesita é tranquilidade e non que un grupo minoritario teña o Concello en estado de excepción", dixo Millán. A rexedora reprochoulle á Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) que "teimen en agarrarse a unha causa que non ten nada que ver coa alcaldesa nin co BNG, porque a única institución que pode facer algo ao respecto da construción do porto deportivo no Salgueirón é a Autoridade Portuaria, coa súa presidenta Corina Porro á cabeza".

Asegurou Clara Millán que na situación actual, o tripartito cangués, avalado por BNG, PSOE e ACE, corre risco de rachar en breve. "O concelleiro de Urbanismo adícase a vivir no Salgueirón mentres no despacho se lle acumulan os expedientes e os veciños chegan á alcaldía enfadados porque non lles resolven", acusou a alcaldesa. Millán recordou o prazo de cinco días outorgado a Abalo para a elaboración e entrega dos informes xurídicos que, supostamente, avalarían a capacidade do Concello para frear as obras. "Xuntareime hoxe ou mañá con el, pero non teño demasiada esperanza, porque un día día unha cousa e ao seguinte fai outra", comentou a rexedora.

"Pode resolverse en 24 horas", defende Abalo

Nunha entrevista posterior, tamén na radio pública, o concelleiro de Urbanismo laiouse de que os cinco días son pouco tempo para a elaboración do informe pero asegurou que o seu departamento cumpriría "en forma e con rigor os prazos" que, segundo Abalo, rematan este sábado, "e non o venres" como subliñara anteriormente a alcaldesa.

Insistiu o edil de Urbanismo en que o Concello non só ten posibilidades de frear as obras senón que "ten a obriga", e lembrou a inexistencia de licenza municipal e a ausencia de plan de usos e plan especial portuario no proxecto de porto deportivo do Salgueirón. "Con vontade política e legal o problema resolveríase inmediatamente", asegurou. Ao respecto das acusacións de lentitude na súa concellaría retrucou que a alcaldía "boicoteou urbanismo cun goberno paralelo" e reclamou que así e todo "o meu departamento funciona mellor que outras áreas que dependen do BNG".

"Pretenden arrasar o litoral, habendo un informe da Consellaría de Pesca en contra do proxecto, para favorecer un grupo económico", arrebolou Mariano Abalo. "Ou se está cos mariñeiros ou se está coa empresa", sentenciou, defendendo que o seu grupo "non vai traizoar o acordo de goberno".


4,25/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: