Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A fábrica mariñá escapa por agora aos ERE

A factoría de Alcoa mantén o cadro mais a crise zoupa nas auxiliares

O BNG cualifica de "pouco seria" a actitude da Xunta diante da situación, e levará o tema ao Parlamento.

Redacción - 11:45 11/08/2009
Factoría de Alcoa

Factoría de Alcoa

A redución das cargas de traballo no sector do aluminio afecta xa o contorno da factoría de Alcoa na Mariña. Hai que lembrar ao respecto que a factoría da multinacional dos municipios de Cervo e Xove escapara até o de agora aos despedimentos masivos impulsados pola empresa no resto de fábricas que ten a nivel estatal. Agora, o impacto chega ás empresas auxiliares que na zona dependen desta factoría. Arredor de 200 traballadores perderon o emprego no que vai de ano. Xa que logo, a ralentización da actividade económica en sectores como a construción, automoción ou industria aeronáutica estaría zoupando directamente na redución de produción na planta luguesa.

Sobre o escenario no sector chama a atención esta semana o BNG, advertindo que todo indicaría que o aceleramento desta tendencia nos últimos tres meses fai agoirar máis problemas e "unha precarización das condicións de traballo nas empresas auxiliares". Recordan os nacionalistas o peso que Alcoa ten na economía luguesa, xa que con 1372 empregos directos e 600 na industria auxiliar, chega a representar o 30% do PIB lugués. Neste sentido, advirten que o impacto da crise no complexo alumineiro pode deitar sobre outros sectores da actividade económica especialmente da comarca da Mariña.

Por este motivo, o Bloque levará ao Parlamento unha iniciativa onde esixe da Xunta "compromisos firmes" en favor dos traballadores. Recordan que representantes sindicais destas empresas xa se reuniron coa conselleira de Traballo para expoñerlles a súa preocupación, mais non recibiron de momento ningún sinal de que se miraría polos seus intereses. O deputado lugués Fernando Blanco será así o encargado de trasladarlle á Cámara as inquedanzas dos traballadores e pedir que a administración faga pública a súa posición sobre a destrución de emprego e precarización das súas condicións de traballo. O BNG pregúntalle tamén á consellaría que plans de axuda ten previsto para os traballadores das empresas auxiliares que están quedando sen emprego e se ten previsión de mediación diante das contratas de Alcoa "á fin de que non se precarizen as condicións laborais como consecuencia da situación de crise".


3.5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: