Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
APLICACIÓN DA LEI DE DEPENDENCIA

O BNG pídelle ao Goberno transparencia, o PP contesta que antes se tiraba cos cartos

Os nacionalistas exixen á Xunta que explique a desaparición de 4.400 persoas dependentes do listado do Ministerio. Os populares falan de "desfeita perpetrada polo anterior executivo".

Redacción - 18:30 11/08/2009

A situación dos dependentes galegos e a súa percepción de axudas en aplicación da Lei de Dependencia está a xerar un novo enfrontamento entre Goberno e oposición. Desta volta, foi o BNG, quen denunciou, da man da súa coordinadora executiva, Teresa Táboas, falta de transparencia na Xunta de Galiza coas cifras de persoas que se atopan nesta situación.

Criticou o que considera "pasividade" do Goberno con respecto á Lei de Dependencia, xa que nin sequera actualizou a web que informa sobre as axudas e tramitacións dende o pasado mes de febreiro, ante o que solicitou "transparencia e responsabilidade". Nesa liña, exixiu información sobre as 4.400 persoas que, segundo tiña valorado o anterior goberno, terían dereito a recibir prestacións e que "desapareceron" da lista do Ministerio de Asuntos Sociais.

Recordou que a Xunta non informou dende a campaña electoral nin sobre o número de persoas que poden optar a estas axudas, nin sobre o seu cobro, polo que considerou que esta norma "se está a empregar unicamente de xeito demagóxico". Pediu ao Goberno que "traballe e axilice as tramitacións", así como que informe sobre esas 4.400 persoas, "para saber quen son, porque teñen dereito a reclamar".

Contestación do PP: os nacionalistas dilapidaron os cartos
A resposta non se fixo agardar dende as filas do Partido Popular (PP). A deputada, Paula Prado, afirmou que o desfase de 4.400 beneficiarios da Lei de Dependencia se debe, na súa meirande parte, a que "son persoas que faleceron sen percibir as prestacións que lles correspondían".

Segundo explicou, Galiza está entre as últimas comunidades autónomas en canto á aplicación desta lei por mor da "desfeita perpetrada polo BNG", a quen acusou de "dilapidar" os cartos dos dependentes en propaganda e publicidade". Prado tamén criticou que Táboas "fale agora de falta de transparencia cando o seu partido sempre maquillou as cifras", explicando que "cando o PP chegou á Xunta había 11 mil dependentes máis dos que dicían os nacionalistas nos seus datos".

Finalmente acusou a Táboas de "non ter vergoña" ao pedirlle explicacións á Xunta cando "o BNG é responsábel da deplorable situación dos dependentes pola súa ineficacia e ineptitude".


4,6/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: