Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Empregou unha persoa sen contrato

Condenada por despido improcedente a directora xeral de Formación e Colocación

A CIG esixe da Consellaría de Traballo o "cesamento inmediato" de Ana María Díaz López logo de coñecerse a sentenza dun xulgado ferrolán.

Redacción / Europa Press - 10:45 13/08/2009
A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, durante a súa toma de posesión

A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, durante a súa toma de posesión

Á Consellaría de Traballo, coa conselleira Beatriz Mato á fronte, corresponderalle en breve aplicar a correspondente sanción por falta grave que se deriva do caso resolto recentemente polo xulgado do social de Ferrol, que condenou a unha das persoas máis relevantes do organigrama deste departamento, a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, polo despedimento dunha traballadora.

Recordan desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) que o asunto ten a súa orixe na irregular contratación da traballadora para labores de cociñeira na casa da acusada e mais nun bar da familia, de xeito que se lle obrigou a prestar servizos laborais "de xeito ilegal e clandestino". Ao cabo de seis meses, e sen ser dada de alta en ningún momento na Seguridade Social, foi despedida. A sentenza implica condena á sociedade civil a nome do pai e irmán da directora xeral e inclúe condena á propia Ana María Díaz.

O xulgado xa lle remitiu copia á Inspección de Traballo e desde o sindicato miran agora con lupa como resolve o asunto a consellaría. "Tendo en conta que todo queda na casa, estaremos atentos a ver como a Xunta executa esta sanción, e cando", ironizan. Critican o paradoxo de que unha alto cargo que supostamente debe pilotar as estratexias do Goberno para a redución do desemprego e o combate á fraude laboral estea implicada neste suceso. Para a CIG, a lóxica consecuencia deste caso debera ser o inmediato "cese" da directora xeral, acompañado dunha "resposta exemplar en materia de sancións" por parte da Xunta.


4.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: