Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
DENUNCIA DE ADEGA

Deforestación con licenza aos pés do Miño

O trazado aprobado da autovía que conectará Lugo con Santiago require a tala de máis de dous milleiros de árbores autóctonas.

Redacción - 12:15 14/08/2009

Carballos, castiñeiros, salgueiros, chopos, ameneiros... Unhas dúas mil árbores autóctonas situadas ao carón do río Miño serán cortadas, se ninguén o impide, para a construción da autovía entre Lugo e Santiago. Así o denuncia a asociación ecoloxista Adega, quen xa remitiu un escrito ás consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente no que solicita a paralización destas talas e un reconto das masas arbóreas afectadas pola obras, así como a constitución dun organismo público encargado de catalogar os bens naturais que son obxecto de protección.

Agresión ao entorno natural
Estas árbores abocadas a desaparecer sitúanse nas beiras do río Miño e do seu afluente, o regato Vilamoure. No primeiro dos casos, trátase de cen árbores no lugar de Anguieiro, na parroquia de San André de Castro, unha zona que, segundo Adega, xa está moi deteriorada polas cortas anteriores e polas obras de ampliación da Nacional VI, que "varreron literalmente con toda canta árbore había nas súas proximidades".

No segundo caso, a UTE que leva a cabo as obras da autovía de Lugo a Santiago solicitou a corta de aproximadamente outros 1.900 árbores ao longo do rego Vilamoure, na parroquia de Baltar. Os ecoloxistas recordan que este espazo, entre o Monte de Meda, no Picato, e o concello de Lugo constitúen un dos mellor conservados (xunto coa ladeira dereita do Miño dende O Cordal de Ombreiro e até Orbazai) e lamentan que as obras para a A-54 agredirán irreversibelmente este entorno rural e natural, fundamentalmente ás bacías fluviais, o elemento natural máis fráxil.

Ademais, Adega alerta de que as talas non rematarán aquí. Recordan que o goberno municipal lugués tamén pretendía construír nesta zona "miles de vivendas", se ben ese extremo aínda depende da aprobación do PXOM municipal. Ademais, a autovía ou rolda do oeste, que enlazaría a A-54 co polígono do Ceao pasando por Orbazai e Vilancendoi tamén suporá unha nova agresión, din, "desta vez a unha ampla área do concello minimamente conservada e que completará a zona de expansión da cidade esquecendo unha vez máis o seu patrimonio rural e natural". Por último, mencionan as obras da estrada ou rolda sur, que enlazará o novo hospital coa Nacional VI á altura do paseo do Rato, nas que é de supoñer que se vexan afectadas as súas carballeiras.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Adega denuncia a tala de carballos, castiñeiros, salgueiros, chopos e ameneiros ao carón do MIño
Adega denuncia a tala de carballos, castiñeiros, salgueiros, chopos e ameneiros ao carón do MIño
Ademais das obras da autovía a Santiago, outras actuacións ameazan ás árbores, como as vivendas previstas no Pxom, a rolda oeste e a rolda sur
Ademais das obras da autovía a Santiago, outras actuacións ameazan ás árbores, como as vivendas previstas no Pxom, a rolda oeste e a rolda sur