Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE

Partido Galeguista: o último que peche a porta?

A formación suspende temporalmente de militancia o ex secretario xeral Manuel Soto ao que acusa de negociar baixo corda a entrada na coalición “Máis Galicia” cun partido 'pantasma'.

R.Vilar - 12:15 20/08/2009
Manuel Soto, á dereita, nunha foto de arquivo

Manuel Soto, á dereita, nunha foto de arquivo

O Partido Galeguista vive a súa enésima crise interna. A dirección da organización suspendeu temporalmente de militancia ao actual vicepresidente, o monfortino Antonio Varela, e ao que fora o seu ex secretario xeral, Manuel Soto. A baixa temporal prodúcese despois de que medio cento de militantes da organización (entre os que se atopan sete concelleiros e a inmensa maioría dos afiliados) presentasen un escrito acusando a Soto e a Varela de manobrar para meter ao PG na coalición “Máis Galicia”.

A orixe da polémica está directamente relacionada liorta que se viviu en 2008 en Terra Galega. A daquela cuarta forza nos municipios galegos esgazou en dúas partes: unha encabezada polo que fora alcalde de Narón, Xoán Gato, e outra polo ex conselleiro Pablo Padín. Mentres que os tribunais dirimían quen quedaba coas siglas de TeGa, Padín negociou co PG a creación de “Máis Galicia” de cara ás eleccións ao Parlamento.

E apareceu o partido pantasma...
Semanas antes dos comicios, os xuíces permitiron que Gato encabezase a lista de TeGa á Xunta. Mais segundo os que piden a cabeza de Soto e Varela o mandato das bases do PG era un pacto con TeGa e non con Padín ou con Gato. Porén, a coalición “Máis Galicia” seguiu adiante. De feito, o concelleiro cedeirense de TeGa, Xermán Tobío, foi o candidato á presidencia da Xunta por esta coalición.

Por se a situación non fose xa esperpéntica, os detractores de Varela e Soto desvelan que na coalición “Máis Galicia” tamén participaba un partido chamado Partido Galeguista Centrista, rexistrado legalmente en 2006 pero totalmente descoñecido. Os denunciantes coidan que esta organización 'pantasma' era o flotador co que manter viva a coalición “Máis Galicia” en caso de que os tribunais, tal e como sucedeu, lle deran a razón en primeira instancia aos seguidores de Gato. Aínda que despois outro xulgado mudou de opinión e fallou a prol de Tobío e Padín.

Se o resultado de Xoán Gato nas eleccións de marzo foi máis ou menos previsíbel (perto de 19 mil votos), o fracaso de “Máis Galicia” rozou o ridículo, ao obter só 923 votos no conxunto do país.

O adeus definitivo de Manuel Soto?

Aos seus 65 anos, Manuel Soto xa ten pasado da gloria á marxinalidade política. Entre 1979 e 1991 foi alcalde de Vigo co PSdeG, formación na que seguiría militando até 1998. Un ano despois presentouse novamente á Alcaldía de Vigo co partido Progresistas Vigueses, co que logrou unha acta de concelleiro. En 2003, conseguiu dous edís co mesmo partido. En 2007 decidiu presentarse ás eleccións locais co PG, formación da que era entón secretario xeral, mais nesta ocasión non conseguiu ningún colocar a ningún concelleiro na corporación olívica.

O “galeguismo” de Soto e doutros dirixentes do PG sempre foi rebatido por moitos que consideraban que o partido era só un lugar para “arribistas”. De feito, Soto foi o que fichou como candidato á Alcaldía da Coruña a Carlos Marcos. O novo militante “galeguista” empregaba o castelán como lingua nos seus actos e defendía vehementemente o topónimo de 'La Coruña'.

Os vindeiros meses serán cruciais para coñecer o futuro do PG. Daquela comprobarase se o último pecha a porta ou se, tal e como agarda a escasa militancia que queda, é posíbel encetar un novo rumbo que faga esquencer unha etapa marcada polos escándalos e o ostracismo político. O soño segue a ser o mesmo: unha forza autóctona de carácter centrista que consiga presenza institucional.


5/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: