Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Fin de semana de festivais

Marionetas, deportes tradicionais, historia e moita música para pechar agosto

A última fin de semana do mes vén co Lolapop, o Off San Campio, o Titirideza, a Festa da Istoria e outras citas para todos os gustos.

Redacción - 12:20 28/08/2009
Linho do Cuco actúa o sábado no Festival dos Abrazos

Linho do Cuco actúa o sábado no Festival dos Abrazos

Agosto estirou as súas fins de semana, pero a do venres 28 ao domingo 30 será irremediabelmente a derradeira. Os que non queiran quedar na casa teñen un bo abano de opcións. As propostas musicais inclúen pop indie, folk, jazz, metal, música experimental, tradicional, fusión e rock'n'roll. E fóra da música hai lugar para as marionetas, os deportes tradicionais e regreso ao Medievo, xa sexa para divertirse ou para reivindicar a protección do patrimonio.

Propostas musicais polo sur...
Este venres en Pontecaldelas celébrase o Lolapop. O festival máis indie abre cunha sesión para nenos, que dará paso ás actuacións de, entre outros, Sidonie, Mendetz, Boat Beam e Holywater.

Os que teñan morriña do rei do pop poden ir homenaxealo ao Arousa Sur o sábado, día en que Michael Jackson faría 51 anos. A partir das cinco da tarde no Pazo D. Agustín, na estrada entre Vilagarcía e Cambados, pasarán polo escenario The Preachers of Rock'n'roll, Miths about Pandas, Lúa Cornuda e outros, nunha noite de rock'n'roll e hip hop.

Sen saír das rías Baixas, o Nigranjazz conectará músicos galegos e portugueses na Alameda da Ramallosa. O venres actúa o Proxecto Lusogalaico e o sábado Nuno Ferreira Trío, nun concerto no que o guitarrista estará acompañado por Paco Charlín e Max Gómez.

En Aldán (Cangas) o sábado celébrase o Festivalinho. Desde as seis da tarde haberá xogos infantís e circo, e a partir das nove, concertos con música tradicional, africana, reggae e fusión con, entre outros, Chakarrandaina, Zamaramandi e Stigmatribe.

A área de Vigo garda un par de festivais máis. Na parroquia de Valadares, o Off San Campio achega a outra cara das festas patronais da man do colectivo Alg-a. Do venres ao luns haberá teatro, pasarrúas, obradoiros e música, con sesións de micro aberto e actuacións que van do punk de R.I.F. e Demencia Sonora á experimentación dos artistas do colectivo Alg-a.

O monte do Rebullón en Mos acolle o Rebumbio. O venres troula gaiteira e o sábado sesión vermú cos Veraneantes e noite de concertos con Dakidarría, Os Tres Trebóns, Ulträqäns e The Turre's Band.

... E polo norte
Aínda que o peso musical da fin de semana se concentra no sur, non faltan citas pola banda norte do país. En Lariño, no Concello de Carnota, a cita é co metal no Asaghieiras Master Festival. Ademais de churrasco gratuíto, o cartel inclúe o venres bandas como Riff-Raff, Narsilion e os ingleses Outcry, e o sábado Mongollia, Cristal Moors e Desequilibrio Mental.

A Festa da Crea(c)ción pon o punto final á edición de 2009 do Festival dos Abrazos. Desde o mediodía ata a noite polo parque de Vista Alegre en Compostela pasarán grupos tradicionais como Linho do Cuco, as Pandereteiras de Laxoso e o asturiano Xuacu Amieva, a experimentación de Political Personal Disaster ou o teatro da compañía Higiénico Papel. A festa completarana a empanada, o polbo, o viño e o licor café.

O Festival Folk de Neda celébrase no lugar do Roxal. O venres actúan Tumbarolos Orquestra, Fiandola e Roncarela, e o sábado A Requinta da Laxeira, Alén de Ancos, A Crus de Baixar e Vai de Baile.

E o folk galego vai soar o sábado tamén no Bierzo. Nas Noites Máxicas de Cornatel actuarán a partir das 23:30 Luar na Lubre, Cuchufellos, Aira da Pedra e Fraguel Folk. A cita é no castelo de Cornatel, en Priaranza do Bierzo.

A fin de semana trae ademais os concertos das festas de verán de Ferrol, onde tocan o venres Som do Galpom, o sábado Vetusta Morla e o domingo Aló Django. Ataque Escampe ofrece un concerto o venres á medianoite no Café Uf de Vigo e Raimundo Amador actúa o sábado no Náutico do Grove.

E tamén marionetas, xogos, historia...
A música non esgota as posibilidades da fin de semana. Para os deportistas e os que non o son, a parroquia de Santalla, na Pontenova, celebra a IIIª Mostra de Xogos e Deportes Tradicionais de Galiza, Castela e León, Asturias e Portugal. Durante todo o día organízanse torneos de chave, bolo celta e billarda, exhibicións doutros xogos e deportes tradicionais, monta a cabalo, demostración de corte e talla en madeira, obradoiro de fiado... Ademais hai música, con Darbukka e Folkgazais.

Por Lalín pasarán cinco compañías galegas de monicreques na oitava edición de Titirideza. O venres actúa Babaluva, o sábado fano Cachirulo e Trécola e o domingo A Xanela do Maxín e Os Quinquilláns.

E aos que estes tempos lles resulten demasiado modernos, poden achegarse á Festa da Istoria en Ribadavia. A máis clásica das celebracións que cada verán retrotraen as vilas galegas á época medieval volve cunha amplo programa no que non faltan o mercado e a comida de época, obradoiros, representacións teatrais, xogos medievais, música e actividades exclusivas para xentes do Medievo.

A última recomendación para a fin de semana lévanos a Palas de Rei. A Plataforma Social pola Defensa do Alto Ulla convoca o domingo a VIª Marcha Irmandiña para reclamar a apertura e posta en valor do castelo de Pambre, cun roteiro, xantar e xogos populares.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ataque Escampe actúa o venres no Café Uf de Vigo

Cartel do Arousa Sur
Cartel do Arousa Sur
Cartel do Rebumbio
Cartel do Rebumbio
Cartel da Mostra de Xogos e Deportes Tradicionais de Santalla
Cartel da Mostra de Xogos e Deportes Tradicionais de Santalla
Cartel da VIª Marcha Irmandiña
Cartel da VIª Marcha Irmandiña