Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS NO MACBA E NA FUNDACIÓ MIRÓ

Panfletos e poesía no estío barcelonés

Ao tempo que Capa e Taro nos devolven á Guerra Civil Española coas súas fotos, preto hai un frutífero diálogo poesía-pintura e máis aló os panfletos testemuñan loitas e reivindicacións.

Lito Caramés - 23:23 28/08/2009

Entre as moitas ofertas que por estas datas se poden visitar en Barcelona (arquitectura, pintura de aquí e de fóra, fotografías que moito nos afectan etc.), hai dúas ben diferentes e ben suxestivas. Quizais os dous eventos teñan un feito que as asemella: tanto o MACBA como a Fundació Miró botaron man dos seus fondos para montar estas retrospectivas. A crise impón os seus tempos? Cómpre aforrar?

Panfletos, arte e política.

O MACBA (Museu d'Art Contemporani de Barcelona) vén de abrir unha escolma de máis de 230 revistas, libros, carteis e panfletos do fondo documental do propio museo (Als marges de l’art. Creació i compromís polític). Cronoloxicamente van de 1933 até o 2008, pero a meirande parte son dos anos 60, 70 e 80. A proposta do museo é facer reflexionar sobre as relacións -non sempre boas- entre a arte e mais a política. O punto de vista dos artistas (moitas veces anónimos) é case sempre a loita contra o poder político instaurado, teña este a negra fasquía de ditadura, ou non. Neste sentido (e podendo contemplar obras críticas de Europa, de América Latina, de América do Norte) sorprende moito que non haxa unha nutrida representación da plasmación gráfica das loitas e mobilizacións contra o franquismo. Non hai ningunha. Estraño. Aínda non se pode falar do tema? Non era “creativa” a esquerda anti-franquista? Non lle interesa ese período ao MACBA? Ou é cousa do comisario?

Este tipo de obras teñen a virtude de que nos levan de viaxe pola conflitividade de boa parte do século XX, pois a expresión gráfica é unha das armas de loita máis efectivas. E iso sábeno perfectamente os gobernos. A cantos artistas e activistas detiveron por espallar críticas en formato gráfico contra as institucións? Tampouco hai que ir pescudar nos réximes autoritarios para atopar exemplos, baste lembrar o que lle aconteceu á revista "El Jueves" no ano 2007.

A mostra pasa (como non!) polo Maio do 68 en París, onde moitos artistas deseñaron os carteis que logo se imprimían na École de Beaux Arts de París, como un obradoiro socializado a prol da causa dos revolucionarios. Pero non se detén aí a antolóxica. Hai constancia das loitas dos Black Panthers (EEUU, anos 60 e 70) contra o racismo e polas igualdades sociais, a loita feminista está representada (entre outras accións) polas campañas das Guerrilla Girls (EEUU, anos 80). De América Latina hai unha extensa representación. Pódense ver actuacións do artista Cildo Meireles contra a dictadura brasileira: Cruzeiro Zero, que xa se puidera ver na monográfica que o MACBA lle dedicou o ano pasado; de Chile veñen as denuncias de Alfredo Jaar, cunha proposta solidaria: “A New Cartography” (mapas por fóra como os que usan os turistas, ben dobrados, que ao se abrir deixan ao descuberto unha gran foto denunciando explotación infantil ou algunha outra inxustiza que acontece no estado ao que está dedicado o “pretendido” mapa). E. A. Vigo e outros artistas arxentinos editaron (1993) unha revista-caixa chamada Biopsia, dentro viña unha bolsa grande e negra do lixo cun letreiro enganchado: “Arroje aquí todo lo que corrompe”.(xa non eran tempos da bestial ditadura militar, pero as razóns para loitar parece que seguen existindo).

Estas son algunhas das pezas que hai expostas, e son outras tantas invitacións a visitar a memoria das infamias do século XX e dalgunhas das batallas que contra elas se orquestraron.

Poesía, pinturas e debuxos.

Pola súa parte, a Fundació Miró invita a ver como un poeta e un artista plástico interactúan (Miró-Dupin, art i poesia), dito en palabras do historiador Pierre Vilar: “Ler a Dupin cos ollos de Miró, mirar a Miró tendo na pupila o poema de Dupin”. O diálogo entre o artista e mais o poeta Dupin estrutúrase por medio de pinturas, debuxos, esculturas, libros (moitos libros de poesía), gravados etc. Con todo iso procúrase evidenciar a relación entre ambas as dúas persoas e as coincidencias estéticas.

Joan Miró tivo interese pola poesía desde moi novo. É posible que a lectura de poetas como Baudelaire, Rimbaud ou Jarry estivese por tras daquela declaración que Miró fixo cara finais da década dos vinte (“asasinar a pintura”), e fose o pulo que o levou a pescudar novos xeitos de expresión, como o collage ou o assemblage.

Jacques Dupin foi poeta e escritor sobre arte, así como organizador de exposicións de arte, tendo boas relacións con Giacometti, Tàpies, Miró, Bacon e outros artistas. No ano 1954 coñecéronse, pois Dupin quería escribir un traballo sobre Miró, traballo que se veu publicado en 1961 (e que continúa a ser uns dos referentes fundamentais para o coñecemento da obra de Miró). Desde entón as súas relacións de amizade e laborais son continuas. En 1966 Miró expón en varias cidades do Xapón, mostras coordinadas por Dupin. Alí Miró descobre os grafismos xaponeses e as súas caligrafías, ás que se afecciona e que tanto influirán nas obras posteriores (ver, p. e., L’espoir du condemné à mort, 1974).

Miró e Dupin, Dupin e Miró, traballaron xuntos en libros e publicacións de poemas de Dupin, mormente Miró como ilustrador e Dupin como poeta. É nestas tarefas onde mellor se ve a hipótese desta exposición: a perfecta interacción dos dous artistas que tiveron como lema das súas linguaxes creativas (linguaxes de seu e ao tempo complementarias): “nin a arte nin a poesía teñen como finalidade a representación”.

EXPOSICIÓN: Al marges de l’art. Creació i comprimís polític

MACBA. Plaça dels Àngels.
Horario: de luns a sábados, de 10 a 19 horas, domingos de 10 a 15 h
Até o 27 de setembro de 2009
Entrada de balde

EXPOSICIÓN: Miró-Dupin, art i poesia

FUNDACIÓ MIRÓ (Montjuïc)
Horario: de martes a sábados, de 10 a 20 h., domingos de 10 a 14,30 h.
Até o 18 de outubro de 2009


3/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



H. de Looze, "Black Panther Party: All Power to the People", 1970
H. de Looze, "Black Panther Party: All Power to the People", 1970
Jacques Dupin i Joan Miró, "Sorbes de la nuit d’été", 1970
Jacques Dupin i Joan Miró, "Sorbes de la nuit d’été", 1970
Guerrilla Girls, "Do Women Have to Be Naked to Get into the Met". Museum. New York
Guerrilla Girls, "Do Women Have to Be Naked to Get into the Met". Museum. New York
Joan Miró, "Poème", 1968
Joan Miró, "Poème", 1968
Edgardo Antonio Vigo, "Argentina 74", 1975
Edgardo Antonio Vigo, "Argentina 74", 1975
Jacques Dupin i Joan Miró, "Franchi le soupirail", 1970
Jacques Dupin i Joan Miró, "Franchi le soupirail", 1970
"Voter contre ne suffit pas", Cartel Maio 68
"Voter contre ne suffit pas", Cartel Maio 68