Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Proposición de lei

O BNG pide que se garanta a 'galeguidade' das caixas no caso dunha fusión

O texto adiantado por Guillerme Vázquez avoga polo control do Goberno sobre a decisión das entidades de aforro.

Redacción - 18:45 04/09/2009

O BNG presentou unha proposición de lei para impulsar a fusión das caixas do país nun único ente con base en Galiza e "incrementar e reforzar o control" da Xunta sobre as súas decisións. O grupo nacionalista conta con remitirlle ao Parlamento o texto completo da proposición de lei este mes de setembro.

Entre os artigos inclúese un marco para as fusións das caixas galegas, nas que se avoga pola "necesaria autorización" do Goberno nas decisións de fusións que lles afecten, con independencia de que recibisen o visto e prace do Banco de España ou do Ministerio de Economía.

O borrador pide que os procesos de fusión estean determinados "non só polo tamaño ou a acumulación de activos, senón por manter a vinculación co territorio". Segundo explicou o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, "calquera fusión debe asegurar que o enderezo social da futura caixa siga radicando en Galiza". A fusión tamén deberá "mellorar a capacidade" de financiamento da economía produtiva, "fortalecer os recursos propios" para investir e conceder créditos a empresas do país e ao mantemento dun nivel de emprego axeitado.

Aínda que Vázquez recoñeceu que unha fusión podería orixinar un solapamento de postos de traballo, anunciou que se deberían de deseñar "fórmulas" para que o cadro de persoal tivese unha "mínima saída", e na que cobrarían un papel "importante" os sindicatos.

A proposta nacionalista tamén avoga por unha nova estrutura financeira, cunha nova composición da asemblea xeral coa participación da Xunta e un procedemento "transparente e público" sobre a elección dos conselleiros xerais do sector dos impositores. Para Vázquez, hai un "debate interesado" para que os políticos saian da dirección das caixas, o que agocharía a intención de retirar o control público, exactamente o contrario do que defende o BNG.

Para reforzar a transparencia, propón limitar os mandatos a 12 anos e fixar a idade máxima en 65, tanto para o cargo de director xeral como para ser membro do consello de administración. Así mesmo, pide profundar no uso das tecnoloxías da información, especialmente internet, para informar da marcha real da caixa.


5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: