Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Do 9 ao 11, xornadas científicas en Melide

Viaxe á Galiza glacial

Arredor de 70 docentes descubrirán os vestixios do clima do país hai 11 mil anos, con temperaturas nove graos máis baixas e glaciares na montaña.

M. del Río - 10:15 08/09/2009

A pegada que deixou a última glaciación en Galiza será o tema das sétimas Xornadas Ciencia e Territorio, organizadas polo Instituto de Melide e por Nova Escola Galega. As xornadas, que se desenvolverán do 9 ao 11 de setembro, incluirán desprazamentos ao Courel, Pena Trevinca e Manzaneda, con traballos de campo a cargo de Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física da USC.

Segundo explicou un dos membros da organización, Paco Veiga, o evento naceu como un xeito de integrar a educación no territorio e adoita referirse a temas relacionados coas ciencias naturais e sociais. Porén, no futuro contan con prestarlle atención ao estudo do territorio dende outras ópticas, como a lingüística.

As xornadas, de tres días de duración, adoitaban contar cunha parte teórica e un traballo de campo. Pero a novidade deste ano é o feito de que non se vai centrar na terra de Melide. O tema escollido, 'Os procesos glaciares e periglaciares en Galiza' exixe un desprazamento ás serras orientais, o mellor lugar para poder comprobar de preto a pegada que deixaron os glaciares no país. Iso tamén altera o programa tradicional destas xornadas, indicou Veiga.

Traballo de campo
O encargado de ofrecer a conferencia inaugural e de guiar o traballo de campo, Augusto Pérez Alberti, dixo que o seu cometido será explicar como se pode reconstruír o pasado a través do estudo dos depósitos sedimentarios actuais. Concretamente, comprobarase como era Galiza até hai 11 mil anos, nun período que durou aproximadamente 50 ou 60 mil anos, "con diferentes niveis de frío".

"Visitaremos o Val de Seara, no Courel; o do Bibei, na contorna de Pena Trevinca, e o último día o val do Cenza", co obxectivo de "achegarlle ao profesorado da ESO os resultados da investigación, que lles sexan útiles para a aula", asegura Pérez Alberti.

"Os depósitos son como arquivos da natureza onde podemos reconstruír o pasado", e neles pódense ver restos morrénicos de tipo glaciar, dunha época en que o clima galego era moi diferente do actual: "calcúlase que a temperatura media era nove anos máis baixa", o que supón que en boa parte do país a temperatura do inverno estaba baixo cero, e que existían glaciares nas montañas.

O cambio climático
As xornadas son de carácter participativo, polo que é moi probábel que xurda a cuestión do cambio climático. "Hóuboo sempre, pero hai que distinguir entre o cambio climático natural e o inducido. Estamos nunha época interglaciar, de quecemento, pero a acción humana tivo que axudar a un incremento maior".

As preguntas sempre acaban xurdindo, polo carácter práctico e participativo das xornadas: "A miña idea é explicar primeiro uns conceptos máis ou menos difíciles, pero despois seguro que hai participación. Xa acontecera nunha edición asada, cando visitamos depósitos das concas terciarias".


4.44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: