Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Economía

A Identificación Xeográfica Protexida 'Ternera Gallega' cumpre 20 anos

Estima que xerou 20 millóns de euros en valor engadido ao sector cárnico nas súas dúas décadas de vida.

E.P. - 20:35 07/09/2009

A Identificación Xeográfica Protexida (IXP) 'Ternera Gallega' estimou xerar máis de 20 millóns de euros en valor engadido ao sector cárnico do país, asegurar a continuidade da produción gandeira e favorecer o asentamento da poboación no rural.

Vinte anos despois da súa constitución, a IXP rexistra sete mil explotacións e 73 industrias inscritas, un volume de facturación superior aos 85 millóns de euros e o 50% da cota estatal de mercado das carnes vacúas de calidade.

Nun comunicado de prensa, 'Ternera Gallega' destacou este crecemento malia as situacións de "inestabilidade" experimentadas no sector da carne vacúa nas dúas últimas décadas, como o uso de aditivos non autorizados na alimentación animal, a crise das 'vacas tolas', o encarecemento das materias primas ou a escaseza de tenreiras de recría.

Este selo de calidade identificou un total de 109.178 tenreiros e certificou 78.203 canles en 2008 -de animais nacidos, criados e sacrificados en Galiza-, que, en suma, supuxeron 16.913 toneladas de carne vacúa comercializada ao amparo da IXP. O seu Consello Regulador incidiu no proceso de control implantado na IXP e que motivou que se realizasen 19.661 inspeccións, 5.410 análises e 1.379 probas de ADN o ano pasado.

"Referente" no Estado
'Ternera Gallega' asegurou ser o "referente" da carne de vacún de calidade no Estado ao comercializar a través dos seus máis de mil puntos de venda perto do 50% deste tipo de carnes. Así, sinalou que máis do 70% dos consumidores coñecen a IXP e declaran consumila, mentres que o 60% considérana a mellor carne de vacún.

Tamén subliñou a capacidade deste selo para xerar demanda dabondo no sector cárnico galego como para absorber a produción do país e obter prezos que superan nun 20 por cento a media do conxunto do Estado.

Con motivo do seu 20º aniversario, 'Ternera Gallega' organizará a II Festa de Exaltación, a sétima edición das súas xornadas técnicas en Lugo e un acto institucional no Hostal dos Reis Católicos de Compostela.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: