Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
World Fishing Exhibition

Rusia ofrece aos estaleiros galegos "terreo e infraestruturas de balde"

O xigante euroasiático pretende recuperar os lazos que existían entre a URSS e o naval galego. Convida os empresarios a se instalar no país.

Redacción - 11:30 17/09/2009

Con motivo da World Fishing Exhibition (WFE) o goberno ruso invitou os empresarios do sector da construción naval galegos -e tamén do Estado- a visitar o país e a se instalar nel en troques de facilidades coma a disposición de "terreo e infraestruturas de balde". Os estaleiros galegos amosáronse "interesados no negocio" e teñen previsto continuar as negociacións en outubro, no país euroasiático.

Manifestouno deste xeito o director da Axencia Federal de Pesca de Rusia, Andrei Anatolievich Krainiy, despois de asinar un convenio de colaboración co FROM, representado por Xoán Carlos Martín Fragueiro. Krainiy recordou que no seu día Unión Soviética xa mantiña lazos de colaboración co sector naval galego e que "construíu grandes buques" en Vulcano. Agora, a Federacióon Rusa pretende "fortalecer a cooperación pesqueira en todos os ámbitos". Para Martín Fragueiro este documento é "histórico", xa que é a primeira vez que os estados español e ruso asinan un acordo de colaboración en materia pesqueira.

Krainiy fixo un chamamento aos empresarios, tendo en conta que até o ano 2020, o Rusia ten previsto facer 500 pedidos de buques pesqueiros. Ademais, precisou que a intención do goberno é construír o 90% deses barcos no seu territorio, e o 10% restante en estaleiros de "Noruega, España ou Alemaña", porén o goberno ruso xa amosou a súa preferencia polo sector galego. Engadiu tamén que a Administración dará todo tipo de facilidades para que se creen "estaleiros modernos" no seu país que poidan facer fronte a eses pedidos.

O grupo de armadores do xigante euroasiático chegou á exposición de Vigo o mércores coa intención de pechar contratos para a recuperación de buques-factoría, algúns con máis de 200 metros de eslora, e ademais "pretende renovar esta colaboración" con Galiza. O goberno de Moscú fixouse como obxectivo recuperar o esplendor da antiga flota soviética nos vindeiros anos a través dun ambicioso programa de de inversións de perto de 10 millóns de euros. Con este proxecto pretenden desenvolver as infraestruturas costeiras e o comercio minorista.


3.57/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: