Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CIENCIA: "A OUTRA FACETA"

“Descoñecíase que existisen osos de auga en ámbitos terrestres”

O compostelán, Alejandro Rivero recibiu a semana pasada o premio de Jóvenes Científicos da UE fallados en París.

Redacción - 09:30 20/09/2009
Alejandro Rivero, recollendo o premio en París

Alejandro Rivero, recollendo o premio en París

Alejandro Rivero acaba de volver de París tras recibir o premio Jóvenes Científicos da UE. Con 19 anos este compostelán xa inventou unha xeringa que evita ao persoal médico provocarse pinchazos involuntarios, un sistema electrónico que avisa aos condutores xordos de onde vén o son das bocinas mediante sinais luminosos, e mesmo ceou co físico Stephen Hawking. A viaxe de seis días a un centro da CNRS (Centro Nacional de Investigación Científica Francés) da cidade parisina foi o premio pola súa última investigación: o primeiro estudo sobre osos de auga, tardígrados. “Ademais de atopalos, o meu proxecto consistiu en describir a súa anatomía” confirma Alejandro. A modo de premio, tamén se desprazará a un cumio de científicos na cidade de Poitiers, Francia. 


Logrou identificar a primeira especie terrestre destes osos de auga “ubicuos” en Galiza. Animais de menos dun milímetro que teñen “entre os seus depredadores os ácaros”. Alejandro determinou unha especie de tardígrados que habitan en musgos e líquenes cunha capacidade para sobrevivir en condicións "imposibeis para outros seres vivos". Conseguiu obter os ovos co ensaio dun método de cultivo, despois de estudar a anatomía dos animais aplicando técnicas de diagnóstico clínico novedosas, un proceso que lle levou “entre seis e nove meses”. Este proxecto foi premiado coa Meción Especial do Xurado ao mellor traballo de entre 40 finalistas seleccionados no 2008 polo certame de Jóvenes Investigadores e posteriormente foi escollido para representar a España no concurso Europeo, premio que celebraba estes días. 

En outubro comeza segundo de Medicina na USC, asegura que dentro da carreira non hai “falta de compañeirismo, coma din as malas linguas”. Despois do esforzo que supuso conseguir a nota de acceso a universidade máis alta de Galiza, Alejandro explica que primeiro de medicina "foi duro". Aínda así, foille ben e sinala que non sentiu a presión dos compañeiros que non se deixaron intimidar polo seu currículum. Pese a todo o vivido, a Alejandro gústalle estar cos seus amigos “o máximo posible” e “saír, como é natural”. Porén, o sábado volve a escaparse, o destino: Estambul. 

Que te levou a investigar sobre os tardígrados? 
Como no bacharelato internacional -no IES Rosalía de Castro- tiña que facer unha monografía a final de curso e quería facela de bioloxía, estiven indagando posibles temas en internet e interesándome en especies que soportaran circunstancias estremas. Entón foi cando o atopei aos tardígrados sobre os que había poucas investigacións e como vin que non era moi complicado decidín estudalos. 

Coñecíase a existencia dos tardígrados en Galiza? 
Había constancia de que existían tardígrados, que están por todo o planeta e ademais teñen tendencia a aparecer en lugares húmidos, pero descoñecíase que existiran en ámbitos terrestres. 

Como xorde a atracción pola ciencia? 
Ás veces a atracción por algo ten un compoñente descoñecido, un compoñente máxico. O amor pola ciencia nace da curiosidade. A ciencia é o querer saber, o querer comprender aquilo que rodea a un. Hai xente que se interesa pola xeografía ou a arte. A outra faceta é a ciencia. 

Entre os múltilples recoñecementos que recibiches, conta o dos Premios Nacionais de Bacherelato, como preparaches esta proba? 
Pois foi moi curioso, porque eu no bacharelato internacional tiña tan só unha hora de historia semanal, e nos premios de excelencia académica autonómicos non me caera historia, entón para preparar o examen tiven que pedirlle os libros de historia doutros compañeiros e tamén estiven seguindo a serie de televisión "Memoria de España". Ao final saiu ben.  

Como foi o primeiro contacto con cadáveres na facultade? 
Aínda que pareza unha idiotez, notas un cambio brutal. En bioloxía sempre vía un corazón, un pulmón, e aqueles que non se sentían cómodos sempre podían non ir a clase. En medicina xa sabes a que vas, pero métente de repente, é un pouco impactante. Ves persoas coa cara branca e os beizos azuis. Ves a unha persoa coa pel cincenta que non responde, cando sabes que estivo vivo. O bonito é cando miras os órganos. Pero a min gústame máis fisioloxía que anatomía. Anatomía é máis chapatoria. Fisioloxía é máis o racionamento dos procesos. O que pasa é que ves todas esas persoas que tan xenerosamente doaron o seu corpo que te quedas alucinado.

Doarías o teu corpo á medicina? 
Non, doaría todos os meus órganos pero o meu corpo non, aínda que como diga iso... -risas-. Hai un exceso de xente que quere doar o seu cadáver a medicina. Eu pensaba que antes se mataban, e nunca mellor dito, por conseguir un cadáver, pero agora xa non. 

Actualmente estás en algunha investigación? 
Agora quería empezar unha investigación en oncoloxía molecular do departamento de fisioloxía de José Antonio Costoya, que estivo algúns anos estudando en Nova Iorque. Chámanse traballos de investigación tutelados, traballas nun laboratorio para irte introducindo na investigación. E dentro de fisioloxía hai un grupo que estuda as bases moleculares do cancro e iso é o que me interesa. Tiven a sorte de que en primeiro había un bloque desta asignatura que era xusto o que máis me gustaba e o profesor deume a oportunidade niso e dixen que si. Entón vamos falar un pouco a ver que podo facer. 

Cales son os teus proxectos a longo prazo? 
Neste país hai grandes problemas para compaxinar ambos aspectos, a docencia e exercer propiament mediciña. O ideal sería se fose cirurxán, operar e dar clase, ou investigar e dar clase, pero combinar todo iso, e conciliar esas dúas facetas é moi difícil. A clínica é fundamental, estar de cara ao paciente e axudarlo. Porque supoño que a longo plazo estar nun laboratorio é menos directo... Dis: vale, estou facendo iso, pero se estas co paciente xa o estás axudando. É algo distinto. 

Contabas que un dos teus hobbies era viaxar, pois ben, como foi esta última viaxe? 
París é grandioso e maxestuoso e encántame. O que pasa é que a organización do premio era tan estrita que tiñas que estar no teu stan un montón de tempo sen moverte, porque podían vir do xurado, e apenas vin monumentos. O que vin foi na hora de comer. Escaqueábame cunha rapaza francesa que era guía e con outros españois e víamos o Arco de Triunfo. Íamos en métro, subíamos, foto express e volvíamos ao sitio onde estabamos.


4,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Tardígrado. Microscopía electrónica de barrido
Tardígrado. Microscopía electrónica de barrido
Tardígrado tratado con calcoflúor (400x)
Tardígrado tratado con calcoflúor (400x)
Tardígrado. Detalle dos sistemas neuronais e musculares. Polarización (400x)
Tardígrado. Detalle dos sistemas neuronais e musculares. Polarización (400x)