Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO AS ENQUISAS

O Partido Socialista luso reduce a súa vantaxe sobre os social demócratas

A unha semana das eleccións lexislativas, unha nova sondaxe atribúe a Sócrates un 33% da intención de voto, mentres que lle outorga un 30% ao PSD de Ferreira Leite.

Redacción - 13:30 19/09/2009

As distancias achícanse entre os principais partidos que optan a gañar as eleccións lexislativas portuguesas que se celebrarán o vindeiro domingo 27 de setembro. Logo de que diferentes enquisas vaticinasen unha folgada vitoria para o actual primeiro ministro, o candidato do Partido Socialista (PS), José Sócrates, a última destas sondaxes revela menores diferenzas.

Segundo a mostra, realizada para o xornal Público, a TVI e Rádio Clube Português, a vantaxe de Sócrates redúcese a tres puntos sobre o seu rival máis directo, o Partido Social Demócrata (PSD), de Manuela Ferreira Leite. Mentres, o Bloco de Esquerda seguiría en terceiro lugar, cunha intención de voto que case duplicaría o seu resultado de 2005: un 12%. A seguir quedarían situados o Partido Comunista Português (PCP), con 9,2%. E, por último, o Centro Democrático e Social-Partido Popular (CDS-PP) de Paulo Portas contaría cun 7% de intención de voto.

A sondaxe, que conta cunha marxe de erro do 3%, anticipa un índice de participación do 71,8%, mentres que o 7,8% dos enquisados aínda non decidiron se acudir ou non ás urnas. Pola súa parte, outro 10,6% xa manifestou que non participará nos comicios.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: