Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XI ASEMBLEA

Tres candidaturas pugnarán polo control da Dirección Nacional de Galiza Nova

A Unión da Mocidade Galega, sectores próximos a 'Máis BNG' e Isca medirán a súa forza interna na Asemblea Nacional de outubro.

R.Vilar - 19:10 22/09/2009

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, celebrará en Compostela os vindeiros días 24 e 25 de outubro a súa XI Asemblea Nacional. Porén, un mes antes desta cita política xa se dá por feito que haberá tres listas diferentes que pugnarán polos 25 postos da Dirección Nacional ao non callar as negociacións para unha candidatura unitaria. Fronte á Unión da Mocidade Galega, organización que goza dun maior peso en GN, estarán dúas listas impulsadas por mozos próximos a 'Máis BNG' e por Isca.

Á espera de confirmación oficial, todo apunta a que a UMG vai confiar en Iria Aboi para que recunque na Secretaría Xeral. Curtida previamente nos Comités Abertos, esta marinense de 27 anos de idade foi a primeira muller en acadar a máxima responsabilidade nas xuventudes nacionalistas, logo de obter o 60% dos votos na X Asemblea celebrada en marzo de 2007.

Os mozos próximos a Máis BNG tamén participarán cunha lista propia. Aínda que polo momento non trascendeu quen liderará a candidatura deste sector si que se sabe que terá un gran peso na mesma a Mocidade Socialista Galega (xuventudes da corrente do BNG Espazo Socialista Galego, que dirixe Xoán Carlos Báscuas).

Pola súa parte, tamén se dá por feito que Isca presente unha candidatura que podería estar liderada por Noa Presas Bergantiños. O colectivo independentista, ligado ao Movemento Galego ao Socialismo, goza dun significativo peso dentro das mocidades do Bloque. Hai poucos días Isca fixo público na súa web un comunicado moi crítico coa liña de Galiza Nova.

Os que semellan que non van presentar lista propia son os mozos que sintonizan coas teses de Econtro Irmandiño. Aínda así, resta por ver se lle conceden o seu apoio a algunha das dúas listas alternativas á oficial.

A UMG volve ser favorita

Ninguén que coñece o funcionamento interno de Galiza Nova prognostica unha derrota da forza tradicionalmente hexemónica: a UMG. É case tradición que a Secretaría Xeral de GN recaia nun militante da organización xuvenil da UPG. Un bo termómetro é o acontecido na asemblea de 2007. Naquela ocasión, a pesar de que Isca e EN-Mocidade (precedente da Mocidade Socialista Galega) impulsaron unha lista conxunta á Dirección Nacional, finalmente a candidatura impulsada pola UMG situou 15 militantes neste órgano: Iria Aboi, Víctor Recarei, Cristina Alonso, Henrique do Río, Andrea González, Roi García, Noa Fernández, Pablo Santomé, Avia González, Iago Carreira, Iria Fernández, Bernardo Fraga, Alba María Feixóo, Armando Carril e Águeda Rei. Pola súa parte, Isca e EN-Mocidade conseguiron meter na Dirección Nacional a Macías López, Uxía Araúxo, Xurxo Paz, Noa Presas, Xosé Emilio Vicente, Ania Pérez, Paulo Carlos López, Ximena Mariel, Breixo Lousada e Alba Muíños

Fundada en 1988, Galiza Nova, con 1.300 afiliados, é a principal organización xuvenil nacionalista. Os seus secretarios xerais foron até o momento: Catuxo Álvarez (1988-1990); Manuel Antelo (1990-1992); Bieito Lobeira (1992-1996); Martiño Santos (1996-2000); Rubén Cela (2000-2004); Xosé Emilio Vicente (2004-2007); e Iria Aboi, elixida en 2007.


4,69/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: