Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
“MÁIS VOLUNTARISMO QUE MEDIOS”

Soligariedade festexa 10 anos de loita a prol do país

Amarante, a organización galega de carácter social, celebra o 3 de outubro o seu aniversario en Pontevedra

Redacción - 11:11 23/09/2009
A Soligariedade festexa o décimo aniversario de Amarante

A Soligariedade festexa o décimo aniversario de Amarante

Amarante celebra o décimo aniversario o vindeiro 3 de outubro. A festa Soligariedade terá lugar na praza Teucro de Pontevedra. Dende o outono de 1999 a organización actúa por toda Galiza traballando no eido social, e loitando contra os sistemas capitalistas-neoliberais “que son os que nos están levando as grandes crises”, informan dende a organización. 


A organización, un grupo de 3 persoas no inicio da súa andaina, mantén 10 anos despois a “bagaxe de temas sociais e políticos”, segundo explica a directora da organización, Fernanda Couñago. Trátase da primeira organización de carácter social que traballa desde unha perspectiva galega “había un baleiro de traballo nesta liña”, afirma Couñago. Actualmente, Amarante conta con catro sedes que teñen cadansúa tenda de comercio xusto, promovendo “o salario digno dos produtores” explica a coordinadora local en Compostela, Carmen Puga. 

Desde Amarante tamén apoian ao sector leiteiro, Fernanda asegura que se precisan “accións locais” para que mude a “soberanía alimentaria”. Desde internet tamén se mobilizaron en contra da granxa acuícola de Touriñán e fixeron apoios puntuis á situación dos gandeiros galegos, “creouse unha rede anticapitalista para apoiar ao sector do leite”. 

O festexo 
O programa da festa Soligariedade, recolle un amplo abano de actividades. Son 10 os anos que Amarante celebra enfocando o acto cara a “solidariedade, tanto local coma internacional”. Dándolle unha perspectiva “próxima a nós”di a directora, porque neste encontro hai “máis voluntarismo que medios” explica Carmen Puga. 

O inicio da festa corre a cargo dos Chichisos e o dragón chinés. Pola mañán tamén terá lugar unha mesa redonda sobre o consumo responsábel e pola tarde presentarán o documental Tánxer, que trata sobre as mulleres “inxeridas polo sector téxtil” revelan na organización. Ademais de músicos de diversos estilos coma Zora Gabbara, Coanhadeira, Gustavo Almeida ou o grupo de rock bravu RuxeRuxe a festa contará coa representación do grupo de Teatro Metátese. Afonso García Penas leva aos escenarios a obra NOS, que non pretende dar “solucións panfletarias”, senón que formulan preguntas sobre problemas coma a guerra, o “sen sentido das fronteiras”ou a “influencia dos medios de comunicación” no século XXI. 

Entre as 12.00 e as 14.00 horas, estarán activos o Mercado Transparente, organizado polo Sindicato Labrego Galego e o Mercadiño de Troco, en mans de Verdegaia. Porén, na organización non esquecen aos máis pequenos, a partir das 17.30 Kalandraka organiza o espazo infantil. Así mesmo, algunhas das organizacións extranxeiras coas que colaboran e que “comparten o cariño destes 10 anos” non poderán asistir, pero si que “sentirán a alegría” do festexo di Carmen Puga. 

Dicotomía norte-sur 
A organización presiona con movementos de resistencia como a campaña Roupa Limpa ou o programa Xanela Aberta ao Sur. Neste último proxecto, colaboran entidades que funcionan en Ecuador, Brasil e Marrocos. Os seus principais cometidos son a educación para o desenvolvemento, o comercio xusto e o consumo responsábel e máis a cooperación ao desenvolvemento.Segundo Fernanda consiste noutro “xeito de entender a pobreza menos paternalista”, para acabar coa dicotomía norte-sur. 

Co nome Amarante buscábase unha palabra que “fixese referencia ao vínculo galaico portugués” explica a directora da organización. O amaranto é unha planta que se dá na zona andaina, pero, sobretodo, Amarante, a cidade portuguesa pertencente ao Distrito do Porto.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: