Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Lula, voceiro de 88 países en desenvolvemento

O G20 dará maior poder de decisión a Brasil, Rusia, India e China

A cesión, proposta polos EUA -que non perderá poder-, é inferior ao 7% que pedían, e vai en detrimento dalgúns estados europeos.

Redacción - 11:20 25/09/2009
A Policía disolveu unha manifestación con gases lacrimóxenos

A Policía disolveu unha manifestación con gases lacrimóxenos

Os países ricos do Grupo dos 20 (G-20), que desde esta quinta se reúne en Pittsburgh (Estados Unidos) transferirá "polo menos" o 5% do seu poder de voto no Fondo Monetario Internacional (FMI) ás nacións en desenvolvemento "dinámicas", segundo o borrador da declaración final.

A cesión, proposta polos EUA, é inferior ao 7% que piden Brasil, Rusia, India e China (coñecidos como o grupo BRIC), é un logro para os países emerxentes e unha perda para algúns estados europeos, que terán que renunciar a parte da súa capacidade de voto no FMI.

Bélxica, Dinamarca e Suíza, que teñen máis influencia no Fondo que o que lles correspondería puramente polo tamaño das súas economías, serán os damnificados, en troques dos países "dinámicos", tal e como di o documento, do BRIC. México non está contemplado no mesmo rango.

Pola contra, os Estados Unidos non perderá poder coa reforma, posto que a súa porcentaxe de voto no Fondo (case o 17%) é inferior á que representa o seu Produto Interno Bruto (PIB) na economía mundial.

Lula, voceiro de 88 países en desenvolvemento
Por outra banda, o borrador pide novas restricións nos salarios dos banqueiros, mais non avogará por topes monetarios específicos. "Os europeos están arrepiados co feito de que os bancos, algúns dependentes do diñeiro dos contribuíntes, de novo estean pagando bonos exorbitantes", dixo o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso.

Ademais, tamén transcendeu que o presidente brasileiro, Luiz Inácio da Silva, entregará este venres aos seus pares un documento asinado por 88 países en desenvolvemento que denuncian o proteccionismo comercial dos estados máis poderosos. O texto sinala que a crise causárona os países ricos, mais que foron os países en desenvolvemento os que máis sufriron o seu impacto.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: