Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
ECOSISTEMAS FLUVIAIS

Recollen media ducia de toneladas de lixo nun só día en ríos de 22 concellos

Perto de 200 voluntarios da campaña “Tes unhas botas na casa?” participaron este domingo nunha actividade enmarcada no Proxecto Ríos.

Redacción - 14:00 28/09/2009

O Proxecto Ríos, un programa de voluntariado de educación ambiental, mobilizouse co fin de que “a sociedade deixe de empregar os ríos coma vertedoiros”, di Adega. Este domingo levouse a cabo en 22 concellos galegos a segunda limpeza simultánea de ríos co nome “Tes unhas botas na casa?”. Perto de 200 voluntarios recolleron arredor de seis toneladas de lixo.

Esta última campaña comezou a súa andaina o ano pasado coa participación das administracións. Paco Bañobre, coordinador de grupos do Proxecto Ríos, asegura que se teñen que levar a cabo esta clase de accións, xa que “as prácticas da recollida de lixo non son coidadosas co ecosistema”. Nesta, fixeron un protocolo sobre como se fai a limpeza “antes, durante e despois” explica Bañobre, “sen retirar o material vexetal”.

O Proxecto Ríos ten como fin actuar en diversos eidos da sociedade para que a poboación sexa consciente da contaminación dos ríos que está afectando ao noso ecosistema. Que a recollida fose un domingo propiciou a que na actividade se involucraran os máis pequenos. Porén, “Tes unhas botas na casa?” ía dirixida aos adultos que son os que poden chegar a formar parte do voluntariado da organización.

A meirande parte dos refugallos que se retiraron foron plásticos e latas, mais tamén se chegaron a atopar “frigoríficos, televisores ou negativos de fotos”. Concretamente en Santiago, percorreron as veigas do Sar sen dar atopado peixe ningún. Para Bañobre, trátase dun problema de descoñecemento e afirma que malia que “aínda queda moito por facer”, os galegos cada vez sensibilízanse máis co ecosistema fluvial.

Contaminación difusa
Ademais, o sábado 26 tiveron lugar en na Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con, en Vilagarcía de Arousa, as X Xornadas de formación de coordinadores do Proxecto Ríos. O obxectivo deste programa é a “identificación dos invertebrados”, que resultan fundamentais no noso traballo ao tratarse de bioindicadores, isto é, seres vivos que detectan a contaminación.

Rste ano, profesores da Universidade de Santiago explicaron aos coordinadores os posíbeis efectos do cambio climático nos peixes e nos ameneiros. Estas árbores, en certos ríos, están secando ao seren infectadas por determinados fungos. As causas non están de todo esclarecidas, pero sospeitan que se trata da contaminación difusa “como os puríns”, explica Paco Bañobre.


4.63/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: