Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Para os centros educativos

A Xunta non convocará até o ano vindeiro as axudas á normalización lingüística

Os equipos de normalización amosan a súa preocupación pola parálise dos proxectos de fomento do uso da lingua galega.

Redacción - 18:50 28/09/2009

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) denunciou este luns a decisión da Secretaría Xeral de Política Lingüística de aprazar até o ano que vén a convocatoria de axudas para o curso 2009-2010. O departamento da Xunta comunicou a semana pasada a súa decisión aos centros escolares mediante unha circular. Para os responsábeis de normalización dos centros, este atraso prexudicará seriamente o desenvolvemento das actividades de sensibilización, dinamización e capacitación lingüística no ensino.

O curso pasado a convocatoria anual de axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino publicouse en setembro, momento no que os departamentos didácticos elaboran as programacións e planifican o traballo do ano. A Coordinadora Galega de ENDL considera que o adiamento neste curso provoca unha situación de parálise que supón “un retroceso nas políticas de apoio da administración aos ENDL, logo de que en anos anteriores se solventasen por primeira vez moitos dos problemas que obstaculizaban o seu labor”.

O atraso na convocatoria afectará á programación escolar e extraescolar dos centros de ensino públicos e privados. Veranse afectadas actividades como cursos de expresión oral, ligas de debate, grupos de teatro, revistas e xornais, programas de radio e televisión, certames artísticos, etc. A Coordinadora Galega de ENDL está a animar aos equipos de normalización dos centros a que se dirixan por carta ao conselleiro de Educación para que reconsidere a súa decisión e axilice os prazos da convocatoria.

Para a CIG-Ensino, unha agresión máis á lingua
Na mesma liña se manifestaron os representantes dos traballadores da CIG-Ensino, quen considera este atraso "inadmisíbel por parte da consellaría", "que non ten ningún tipo de xustificación e vén ser unha agresión máis na acción de goberno de Educación contra o noso idioma". Así, reclaman ao Goberno que faga a convocatoria de axudas para a realización de proxectos de fomento do uso do galego para os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística "con carácter de urxencia", de maneira que "os centros poidan ir programando e realizando actividades de normalización e que este trimestre non resulte perdido para o fomento da lingua".


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: