Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PATRONAL

Fernández Alvariño prevé 'inminentes' noticias sobre a fusión das caixas

Os empresarios lamentan as dificultades que presenta o ámbito financeiro e crediticio e subliñan que no que levamos de ano Galiza rexistrou 564 EREs.

Redacción - 17:30 01/10/2009
Fernández Alvariño evita facer valoracións até que a fusión sexa efectiva

Fernández Alvariño evita facer valoracións até que a fusión sexa efectiva

"De un momento a outro", pensa o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) que teremos noticias sobre a posíbel fusión entre Caixa Galicia e Caixanova. Xosé Manuel Fernández Alvariño, responsábel da patronal pontevedresa, amosouse, con todo, cauteloso á hora de amosar a súa opinición sobre o futuro de ambas caixas, ben coligadas, ben por camiños diferentes. "Estase a estudar o proceso e vamos a ser moi reservados e sometémonos á opinión dos propios xestores das entidades", asegurou.

"Serán eles quen decida o camiño a andar", dixo, ao tempo que gabou ás dúas entidades por seren "moi eficientes" e non estar "politizadas". "Supoño que haberá noticias pronto porque sei que o Goberno e as caixas están analizando o tema", dixo, "a nós non nos toca estudalo, xa o faremos o día en que se produza unha resolución".

Dificultades financeiras para os empresarios
Alvariño facía estas declaracións no mesmo día en que, como presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) ofrecía datos sobre a situación económica da patronal. No primeiro semestre do ano, Galiza acumulou 564 EREs, que afectaron a un total de 10.100 traballadores. Deles, case un 50% concéntrase na provincia de Pontevedra (324), que afectaron a 6.814.

Doutra banda, segundo a enquisa sobre a conxuntura económica que elabora a CEP semestralmente, a maior parte das empresas seguen "sen ver unha pronta saída da crise" e destaca "a debilidade da demanda" como o principal problema que hai que afrontar. Ademais, a patronal tamén chama a atención sobre as dificultades que presenta o ámbito financeiro e crediticio e sobre a "considerábel caída da capacidade produtiva", que descendeu até o 63% durante o primeiro semestre de 2009.


Ligazóns

2.5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: