Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Aberta a toda a cidadanía"

A prol da despenalización do aborto xorde a Plataforma Galega polo Dereito a Decidir

Reclámalle ao Sergas que garanta a práctica do aborto e esixe a súa despenalización.

Redacción / EP - 12:00 08/10/2009

A plataforma aprobou un manifesto no que recoñece a autonomía das mulleres de 16 anos "para decidir sobre a súa maternidade" e pide que esta práctica se enmarque nun "contexto de dereitos sexuais e reprodutivos". Defende "o dereito á saúde sexual e reprodutiva, á maternidade libre e responsábel e a un aborto seguro", e apoia a lei de prazos de 14 semanas --que conta cun sistema de indicacións até as 22 semanas--.

Do mesmo xeito, esixe a protección da intimidade e confidencialidade das historias clínicas das mulleres, unha regulación axeitada da obxección de conciencia para que "non poida ser invocada de forma colectiva" nos centros sanitarios e avoga por "un mellor acceso" aos métodos anticonceptivos que inclúa o seu financiamento. Reclaman ademais "unha estratexia de saúde sexual e reprodutiva".

Cambios lexislativos
A plataforma aspira a lograr unha nova lexislación "capaz de superar os problemas e inseguridade xurídica" de mulleres e persoal sanitario, así como de "corrixir a evidente desigualdade e inequidade territorial" derivada da actual normativa. Neste sentido, defende o actual proxecto de lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo. Desde o grupo mostran tamén o seu rexeitamento aos "comportamentos reaccionarios" dos que "pretenden impoñer as súas crenzas" coma se se tratase dunha "lei universal", en alusión aos distintos colectivos antiabortistas.

A iniciativa presentouse este mércores en Santiago, apoiada por diversas actrices, escritoras, sindicalistas, médicas e profesoras, entre outras profesionais, favorábeis todas elas a unha nova lei que garanta a interrupción voluntaria do embarazo na rede sanitaria pública galega e a esixencia de que se despenalice o aborto. Interviñeron no acto a secretaria de Igualdade de PSdeG, Laura Seara; a secretaria de Organización de Xuventudes Socialistas, Tamara Canosa; as sindicalistas Carmen Brea (UXT) e Mabel Pérez (CCOO); e a presidenta de Mulleres Progresistas de Galicia, Teresa López; así como a escritora María Xosé Queizán, a actriz Berta Olla, a profesora da Universidade de Vigo María Lires e a médica Margarida Arandia. Durante a súa intervención, Seara criticou a ausencia dos medios públicos galegos no acto de presentación da plataforma, no que, segundo os seus cálculos, participaron "máis de 100 persoas". "A actos do Foro da Familia si que van", censurou.


3,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: