Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncia até Estrasburgo

294 días non retornábeis

Santiago Vigo e José Manuel Sanches xa están de volta en Galiza logo de seren condenados a un ano de cárcere, após permanecer en prisión preventiva case dous.

Redacción - 19:05 09/10/2009

294. Ese é o número exacto de días que os dous mozos detidos en 2007 por, entre outras cousas, "pertenza a banda armada"; xulgados o pasado 30 de setembro por un único delito de "tenza de explosivos"; e condenados esta semana por ''danos en grao de tentativa'' con ''finalidade terrorista'', estiveron privados de liberdade por riba do que a Xustiza estimou que lles correspondía.

En concreto, a sentenza ditada pola Audiencia Nacional estabeleceu para Santiago Vigo e José Manuel Sanches penas dun ano de prisión e sete de inhabilitación para cada un. Esta semana, case dous anos despois de seren encarcerados, voltaron á casa.

Desde o colectivo Ceivar, que confirmou a información este venres, aseguran que en base a lexislación español -non tiñan antecedentes nin a condena foi maior de dous anos- "non deberían nin sequera ingresar" na institución penitenciaria.

"É unha mostra do que o Estado Español pode facer coa figura da prisión preventiva, que permite que unha persoa poida estar até catro anos encarcerado baixo criterios tan elásticos como a 'perigosidade' ou a 'alarma social'", expón un portavoz de Ceivar.

Medios de comunicación e 'alarma social'
Desde o colectivo consideran que a crear esta 'alarma social' contribúen en boa medida os medios de comunicación: "Non hai máis que mirar as hemerotecas. Inflaman o caso até o converter nun monstro, facendo acusacións que logo resultan falsas".

A intención agora é denunciar a situación mesmo no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo, aínda que "coa certeza de que o Estado non mudará" a figura da prisión preventiva e que o "tempo de vida roubado as persoas non ten volta", mais co obxectivo de que a xustiza internacional contabilice "un caso máis de represión política e xudicial" no Estado Español.

Por outra banda, na web de Ceivar informan de que se está a preparar un acto de recibimento popular a Vigo e Sanches, previsto para o sábado 17 de outubro ás 20.00 horas na Praza do Toural de Compostela.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: