Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Cara á mobilización do día 18

Un domingo para quererlle ao galego

A plataforma cívica Queremos Galego anima a que toda a sociedade que apoie o idioma estea presente o día 18 en Compostela.

M. del Río - 10:00 15/10/2009
A concentración do 17 de maio ateigou a Praza da Quintana

A concentración do 17 de maio ateigou a Praza da Quintana

Xa falta menos para o domingo 18 de outubro. Para esa data está marcada unha masiva manifestación en favor da lingua convocada pola plataforma Queremos Galego. Ás 12 do mediodía partirá da Alameda de Compostela unha marcha que percorrerá as principais rúas da cidade e culminará na Praza da Quintana. Ao acto están convidadas todas as persoas que queiran amosar publicamente o seu apoio ao idioma e o seu rexeitamento á política lingüística da Xunta, independentemente da súa adscrición.

O voceiro de Queremos Galego, Fran Rei, fixo un repaso ao proceso constitutivo da plataforma, nada "nun momento difícil e moi complicado para a lingua, unha situación de emerxencia nacional", en que o Goberno está a lexislar "contra a nosa lingua e cultura rompendo o modelo estatutario", e a eliminar os "avances que se produciron nos últimos anos de presenza pública do galego".

A plataforma naceu do amplo movemento cidadán que se uniu arredor da Mesa pola Normalización Lingüística e encheu as rúas de Compostela o pasado 17 de maio, "nunha manifestación histórica, como nunca se vira, e na que participou máis xente da que se puidera prever, de diferentes sensibilidades". Como consecuencia, "reflexionamos crear un movemento máis amplo, que acollese a cidadanía arredor do elo común do idioma". O 14 de xullo, despois de reunións con máis de 50 entidades, saíu a proposta conxunta de crear unha plataforma cívica.

Un dos seus dous primeiros obxectivos é, precisamente, a manifestación do 18 de outubro, mentres que o outro é poñer en marcha unha iniciativa lexislativa popular para que se garantan os dereitos lingüísticos. "A plataforma non ten data de caducidade", explica Rei, "mentres se manteña esta actitude próxima ao lingüicidio e non se recupere o consenso sobre o galego que se atinxiu nos anos de Goberno". Queremos Galego cre que os cambios lexislativos que se queiran levar a cabo se fagan volvendo "ao consenso e contando con todo o mundo".

A manifestación do domingo 18 concíbese como un punto de encontro de todas as persoas que queiran defender a lingua. Segundo explicou Fran Rei, "para nos é importantísimo e valiosísimo. Concedémoslle a cada apoio un enorme valor, que asumimos como un compromiso sincero na defensa do noso idioma. Cantas máis persoas e entidades se sumen mellor". Así, avogou por que as diferentes "plataformas e individuos se unan a esta manifestación, e aínda que non poidan sumarse como siglas á convocatoria, que chamen a sociedade a manifestarse". "Queremos Galego ten a vontade de colaborar e de ser punto de encontro total, e seguirá a facelo no futuro", asegura Rei.


4.55/5 (38 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: