Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Adolfo de Abel, ex D.X. de Política Lingüística

"Non é bilingüismo senón monolingüismo harmónico o que algúns defenden"

Colaborou na elaboración da Lei de Normalización Lingüística e foi delegado de Cultura en Lugo con Fernández Albor antes de ingresar en Coalición Galega.

Fernando Arrizado - 12:45 15/10/2009
Adolfo de Abel Vilela

Adolfo de Abel Vilela

Actualmente non ten militancia política ningunha, aínda que con anterioridade foi deputado de Alianza Popular no primeiro Parlamento de Galiza. Nesta época colaborou na elaboración da Lei de Normalización Lingüística e foi delegado provincial da Consellaría de Cultura en Lugo. Ademais, entre 1987 e 1989, durante o Goberno tripartito -PSdeG, PNG e Coalición Galega (na que ingresou)-, foi director xeral de Política Lingüística.

Adolfo de Abel Vilela (Lugo, 1946), profesor de secundaria e membro da Real Academia de Historia, considera que se está a realizar "unha cruzada absurda" contra o galego, "facendo política co idioma e creando un problema que non había, en contra dun dos patrimonios que defenden todos os pobos con autoestima, por razóns de identidade, históricas e culturais". Neste senso, sorpréndelle que "persoas cultas, que saben máis ca ler e escribir" participen tan activamente desta "cruzada".

Vieiros: "Todos os pobos con autoestima defenden a súa lingua". Por que o noso non?
Adolfo de Abel Vilela
: Eu creo que si o fai. Vimos dunha situación onde hai 30 anos a maior parte dos galegofalantes vivían no medio rural. Isto, no medio urbano, asociábase por algúns -non todos- con "ser da aldea", como se fose algo malo. O ensino era todo en castelán, por tanto o "fino" era o castelán e o "paleto", por dicilo dalgún xeito, era o galego. A situación é diferente ca en Cataluña, por exemplo, onde foron os comerciantes adiñeirados os que de vello falaron catalán.

E os que a defenden acúsanos de facer política co idioma ...

Precisamente os que a fan son os que din que se fai. Até agora nunca antes se fixera.

Avanzamos nestes 26 anos de Lei de Normalización?

Estas cuestións sempre son polémicas. O que é certo, con datos obxectivos, é que diminuíu o número de galegofalantes. Antes había moita máis poboación no rural, que era onde maioritariamente máis se falaba o galego -tamén, nas cidades, mais máis no rural-, que se perderon coa emigración. Coa Lei de Normalización gáñase a posibilidade de que aumente o número de galegofalantes sobre todo nos eidos onde non se usaba. No ensino, o currículo é igual no medio rural e no urbano, isto axudou a avanzar. Mais cómpre ter en conta que o medio urbano non é propicio para falar galego: os letreiros, a publicidade, o ambiente de traballo favorecen o castelán.

Como é que chegou a callar en gran parte da sociedade a máxima "castelán=liberdade; galego=imposición"?

Isto é o que antes falabamos de facer política co idioma. Non é certo. Tamén os galegofalantes o poderían dicir. Os nenos aceptan perfectamente que lles aprendan en linguas diferentes, son os pais os que organizan o problema. Os que somos realmente bilingües non temos trauma ningún. A min tamén me impuxeron as matemáticas, a historia, ... O currículo é o que é, o que elabora a Consellaría de Educación en base ao que lle ordena o lexislativo, e aí está a Lei de Normalización. Que máis dá o 40% ou 60%, cando eu era director xeral de Política Lingüística a porcentaxe (de materias en galego en castelán) era case do 50%. Iso non é impoñer nada, é normalizar unha lingua que foi minorizada. E que con menos de tres millóns de falantes tamén o é minoritaria.

Nesta tentativa por se apropiaren de valores nobres como a "liberdade", os que aseguran que hai unha imposición do galego regresan agora coa vella polémica da toponimia bilingüe, "máis coherente coa Constitución", e co 'L' coruñés por bandeira ...

Outra vez, política co idioma. Neste caso para rabuñar uns cantos votos de persoas que se poidan sentir moi satisfeitas con que se escriba La Coruña. Os topónimos teñen que ser no seu idioma orixinal. Os estadounidenses seguen a manter Los Angeles, en castelán, non en inglés. Precisamente a Lei de Normalización puxo en orde a toponimia que foi castelanizada, en moitos caso, mal castelanizada. E non se poden facer excepcións, porque isto abriría a porta a que despois dun veñan outros. Moitas veces é cuestión de oportunismo. Isto é perigoso. Un político intelixente debería de ter coidado porque cando un se mete nestas cousas sabe como comezan mais non como rematan, e enfrontar a sociedade nunca foi bo.

Vostede foi deputado con AP. Pensa que na actualidade hai sitio para os galeguistas no PPdeG?

Non teño nin idea, porque hai moitos anos que non teño relación. O que sei é que cando nós comezamos si que había unha corrente galeguista. Supoño que agora, como en todas as casas, haberá de todo. Moitos dos votantes do PP teñen o galego por lingua materna.

Unha obviedade: A defensa do galego debería estar por riba de calquera ideoloxía, non é?

O galego forma parte do noso patrimonio como a Catedral de Santiago, a Muralla de Lugo ou a Torre de Hércules, que son Patrimonio da Humanidade. Ou como calquera igrexiña do país aínda que non estea recoñecida como tal; ou como o Courel. O patrimonio ten que quedar, e nós morreremos e integrarémonos no ciclo.

Porén, cando menos publicamente, as voces a prol dunha política lingüística eficaz non se escoitan por igual desde todos os partidos, e cando así é vese como algo exótico ...
Algúns están enganando os demais. Cando falan de "bilingüismo cordial" o que están a defender é o "monolingüismo cordial", isto é, que uns falen castelán e outros galego. Aquí os únicos que son bilingües son os galegofalantes. A día de hoxe non hai ninguén que fale galego que non saiba falar en castelán, mais non todos os que falan castelán saben falar galego. O que está claro é que cada un é moi libre de falar o que lle dea a gana. Isto non quita que haxa que facer un currículo escolar á carta dos pais.


4.8/5 (35 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: