Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Semana Galega contra a Pobreza

Máis feitos, menos palabras

É un dos lemas cos que as asociacións vencelladas á Coordinadora Galega de ONGD insisten estes días na concienciación cidadá.

Redacción - 09:30 16/10/2009

"As promesas nin alimentan, nin curan, nin protexen", advirten desde a plataforma Pobreza Cero, facendo balance dos compromisos que ao longo dos últimos anos xurdiron no contexto internacional pero seguen "sobre o papel". "Rebélate contra a pobreza", animan aos cidadáns.

Máis de mil millóns de persoas pasan fame no mundo e a media ducia dos chamados "Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, impulsados polas Nacións Unidas ao comezo desta década e no horizonte de 2015, semellan metas cara ás que se avanza demasiado lentamente. Pouco axudou de momento a adhesión que máis de 180 xefes de Estado realizaron ao respecto deses Obxectivos. Á hora de demostrar vontade política real, os esforzos non só non foron abondo, senón que o actual contexto de crise económica semella escusa para deixárenos no caixón. "O elevado prezo dos alimentos, o escaso nivel de educación, o alto custo das menciñas, a precariedade do acceso á saúde, a inminente redución da axuda, converten en máis vulnerábel a quen vive na pobreza", expoñen desde a plataforma.

"Somos a primeira xeración capaz de acabar coa pobreza", afirma a plataforma Pobreza Cero, "está nas túas mans que sexamos moitos máis unidos nesta loita". Un feixe de actividades permanecen abertas nesta Semana Galega Contra a Pobreza. Entre outros, este venres terá lugar a xornada Galicia cara ao Pacto Galego contra a Pobreza, onde convidados pola Coordinadora estarán o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Xesús Gamallo; o presidente da Fegamp, Carlos A. Fernández, así como o presidente da Coordinadora Galega de ONGD, acompañados dun membro da executiva do Consello da Cultura Galega.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: