Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMUNICADO

A executiva do PSdeG pídelle á súa militancia que acuda á manifestación do domingo

O máximo órgano de dirección dos socialistas fixo público un comunicado no que amosa a súa adhesión á mobilización de "Queremos Galego".

Redacción - 13:35 15/10/2009
Tags:

Ofrecémoslle o comunicado íntegro aprobado polos socialistas:

COMUNICADO DA COMISIÓN  EXECUTIVA NACIONAL GALEGA PSdeG-PSOE

"O próximo domingo día 18, celebrarase en Santiago de Compostela unha manifestación en defensa da lingua galega convocada pola plataforma Queremos Galego, e baixo ese mesmo lema.

O Partido Socialista de Galicia considera acaída e necesaria esta manifestación, por canto cremos que a lingua galega precisa neste momento unha defensa activa.

Unha defensa activa do dereito dos cidadáns galego falantes, a usar a lingua da súa elección, tamén nas relacións coas administracións, e unha defensa activa da pervivencia da lingua galega como patrimonio da humanidade, agora seriamente ameazada.

Para acadar estes obxectivos é necesario recompoñer o consenso político, irresponsablemente rachado polo Partido Popular de xeito oportunista na pasada lexislatura, e evitar a apertura dunha fenda social en Galicia en dúas comunidades, en función da súa lingua.

As linguas non poden ser un elemento de confrontación, porque iso pode levar, efectivamente, á realidade de dúas comunidades enfrontadas, cos graves riscos que iso comporta.

Polo tanto, é preciso premer á Xunta para que reconduza a súa política lingüística, para que restableza o consenso que houbo neste país dende a primeira lexislatura da autonomía en 1981, e as linguas sexan un lugar de encontro.

Reiteramos pois o noso apoio á manifestación do próximo domingo día 18, e facemos un chamamento aos militantes e simpatizantes socialistas, así como a todos os galegos, a acudir a esta.
"


Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2009


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: