Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Manifestación a prol do galego

Reaccións: PPdeG, PSdeG, BNG, Núñez Feijoo, Caamaño e Gloria Lago

A multitudinaria marcha deste domingo non deixou indiferente a ninguén.

Redacción - 19:00 18/10/2009

PSdeG
O PSdeG afirmou que a manifestación significa o maior sinal de "rexeitamento" da política lingüística da Xunta e comprometeuse a "estar sempre" presente naqueles lugares onde se defenda a lingua e a identidade galegas".

O secretario xeral, Manuel Vázquez, mostrouse disposto a "defender" o galego dos "ataques" que está "propiciando o PP", e acusou o presidente Núñez Feijóo de ser o "inimigo público número un" do "principal sinal de identidade" de Galiza.

O representante dos socialistas galegos estivo acompañado por membros do partido, como o deputado Xaquín Leiceaga ou o secretario xeral provincial de Pontevedra, Modesto Pose, entre outros, ademais do ministro de Xustiza, Francisco Caamaño.

Francisco Caamaño, ministro español de Xustiza
Caamaño, que sinalou que asistiu á manifestación "en calidade de cidadán galego" e "como ministro de Xustiza", acusou o Núñez Feijóo de ser o "principal perigo" para o galego e indicou que "a lingua está morta" só "para quen non a fala".

"Identifícome plenamente con Galiza e é o que estou facendo nunha xornada como a de hoxe, defender a lingua dos meus avós, dos meus pais e a miña, porque tamén quero que sexa a dos meus fillos", afirmou.

Caamaño, natural de Cee, mostrouse disposto a "loitar" contra "aqueles que lles gustaría que o galego desaparecese do mapa como o fixo o latín" e acusou a Xunta de ter "escasa sensibilidade" na "defensa" da lingua galega.

Así, confiou en que "todos os galegos" se poñan "de acordo" para "defender" o que é da terra e, desta forma, conseguir que "os malos temporais desaparezan nos aires". "Creo que con Feijoo pode estar en perigo case todo", sentenciou.

BNG
O BNG exixiulle o Feijoo "volver ao consenso" e "rectificar" a política lingüística, e convidouno a "cumprir" coa "defensa do idioma", coa "cultura" e coa "identidade" de Galiza.

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, considerou a manifestación como "unha mensaxe" da sociedade para que acabe coa "política extremista" do PP.

"Milleiros de galegos vanlle dicir alto e claro que están pola defensa do idioma e, en consecuencia, pola defensa de Galiza", indicou pouco antes de comezar a marcha, e "en contra da política que practica o goberno da Xunta", engadiu.

Pola súa banda, o portavoz do partido en materia de Lingua no Parlamento, Bieito Lobeira, considerou a protesta como unha "auténtica demostración de forza popular" de "non admisión" da política lingüística "suicida", "etnocida" e "lingüicida" do titular da Xunta.

Así, Lobeira cualificou a xestión lingüística do equipo de Feijoo de "destrutiva" e "agresiva" e advertiu da intención do BNG de levar as súas denuncias até instancias internacionais. "Acudiremos á UNESCO e ao Consello de Europa", indicou.

PPdeG
O PPdeG tachou de "insólita" a presenza de Caamaño na marcha. O seu secretario xeral, Afonso Rueda, acusou o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, de "enviar os seus ministros" para se manifestaren como "teloneiros" do BNG que, en opinión de Rueda, procura acabar co "consenso lingüístico" de Galiza.

Ademais, afirmou que a foto de Manuel Vázquez e Guillerme Vazquez xuntos na manifestación "supón unha reedición na oposición" do bipartito que "rompeu o consenso lingüístico".

Con respecto á manifestación, Rueda dixo que "respectan" a marcha, mais aclarou que "son conscientes" de que está "politizada" por socialistas e nacionalistas. "Estana empregando en contra da política de liberdade lingüística do Goberno de Feijoo", sentenciou, razón pola que -dixo- os populares "non puideron compartir hoxe a rúa con eles"

Ademais, incidiu en que o PPdeG "si quere galego", aínda que matizou que ten que ser "un galego libre e que conviva en harmonía co castelán, que tamén é lingua oficial de Galiza".

Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta
O presidente da Xunta, de visita en Londres, avogou por educar no "trilingüismo" para que os mozos galegos "sexan capaces de expresarse en galego, en castelán e en inglés".

"En Galiza temos que ter en conta que non podemos facer unha educación coma se estivésemos no século XX, porque xa estamos no XXI. Debemos de ter en conta que á riqueza idiomática, ao bilingüismo cordial do galego e do castelán, temos que incorporar un terceiro idioma", sostivo.

"Cincocentos millóns de persoas falan inglés; 400, castelán; e 200 millóns pertencen ao mundo lusófono. En definitiva, se temos eses tres idiomas podemos comunicarnos practicamente en todo o mundo", resaltou.

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística
O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, cre na "necesidade" de "pór en marcha un política lingüística que acepten a maioría dos galegos", contraria ás liñas de "imposición" estabelecidas polo bipartito.

Lorenzo, nunha entrevista á Radio Galega, onde foi preguntado por cuestións relacionadas coa manifestación expresou o seu "total respecto" aos actos e mobilizacións que supoñan "un exercicio de dereitos de liberdade de expresión".

Con respecto ás formas toponímicas oficiais, Anxo Lorenzo recordou a postura do Goberno e insistiu en que "a Xunta non prevé modificar o articulo 10º da lei de normalización lingüística, onde se estabelece que os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega".

Ademais, afirmou que "o plan xeral de normalización da lingua galega segue sendo un documento valioso para a política lingüística", malia que este documento, apuntou, "non é unha lei nin un decreto" e, polo tanto, "non ten unha aplicación normativa regulamentaria".

Galicia Bilingüe
A presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, considerou que manifestacións como a deste domingo buscan "restrinxir liberdades" e "reducir espazo a unha lingua oficial como o castelán".

Lago censurou o PSdeG, un partido de "tanta tradición democrática", por acudir á marcha, xa que entendeu que ou seu obxectivo é "reducir liberdades" e "pedir que moitos nenos non poidan estudar en castelán".

"Parécenos ben que se manifesten, porque están entretidos", aseverou, mais engadiu que "é unha pena que gasten tantísimo diñeiro" se "son sempre os mesmos", en alusión á Mesa, un dous colectivos adheridos á plataforma Queremos galego.


4,66/5 (32 votos)