Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MOCIÓN DE CENSURA E TRANSFUGUISMO

Cambio político en Silleda: cando o inimigo é o aliado

Dende este luns, o municipio conta con nova alcaldesa, Ofelia Rey, que substitúe á socialista Paula Fernández. Ofrecémoslle algunhas das claves.

R.Vilar - 14:08 19/10/2009
A socialista Paula Fernández gobernou dende o verán de 2007

A socialista Paula Fernández gobernou dende o verán de 2007

Cumpriuse o guión previsto. A socialista Paula Fernández viu este luns como saltaba o seu precario goberno. Unha moción de censura promovida por cinco ex concelleiros do PP (un sexto decidiu non acudir ao pleno) e dous ex socialistas muda o rumbo político de Silleda.

Ofelia Rey colle o temón consistorial. A traxectoria política da nova rexedora é ben explicativa da vida política local. Propietaria de grandes explotacións porcinas, sempre se mantivo afastada da primeira liña política. Porén, o seu apelido non pasa, nin moito menos, desapercibido na comarca do Deza. Seu pai é socio fundador e un dos propietarios da empresa máis importante de Silleda: Nutrimentos Deza (Nudesa). Segundo datos de 2007, esta compañía dedicada á fabricación de pensos dáballe emprego directo a perto de 80 persoas e facturaba case 60 millóns de euros.

Pero, como chega a nova alcaldesa á política?
Ao igual que no resto da comarca do Deza, a hexemonía da dereita en Silleda é historicamente indiscutíbel. Porén, o último alcalde do PP, Xosé Fernández Viéitez, sabía que chegaba ás eleccións de 2007 xogando o seu futuro a unha soa carta. Moi discutido internamente, sempre contou co apoio pleno do presidente da Deputación, Rafael Louzán, que en máis dunha ocasión acudiu no seu auxilio.

Conscientes de que por vez primeira era moi posíbel un cambio de goberno, os opositores de Fernández Viéitez (agás o BNG) decidiron crear unha fronte común por riba de ideoloxías. O paraugas elixido foi o PSdeG. Baixo estas siglas agrupáronse independentes (algúns deles antes próximos ao PP), militantes socialistas e caras novas.

A vitoria chegou en maio de 2007. O PSdeG lograba ser a forza máis votada (seis concelleiros), o PP obtiña outros seis edís e o BNG contaba cun concelleiro. Os nacionalistas facilitaron o goberno da socialista Paula Fernández pero optaron, dende un primeiro momento, por non entrar no goberno local.

O periplo da rexedora durou pouco máis de dous anos. Aos poucos meses de comezar a andaina comprobouse que a fórmula frontista ensaiada polo PSdeG era un despropósito: as discrepancias entre os diferentes concelleiros era abismais e os seus intereses tampouco confluían. Por se isto fose pouco, ninguén estaba disposto a torcer o brazo nin a perder protagonismo na nova era política. Ofelia Rey e Javier Cuiña (antigo líder do influinte Colectivo Independente de Silleda) decidiron abandonar o grupo socialista. A partir dese momento as conversas para negociar unha moción son xa un segredo a voces.

Cando o inimigo é o mellor aliado

O pacto entre “populares” e tránsfugas do PSdG era previsíbel. Sen diferenzas ideolóxicas, o único atranco eran as malas relacións persoais entre algúns deles e a mala imaxe que lle podía dar ao PPdeG a manobra. O segundo problema solucionouse cunha ambigua saída do PP de cinco concelleiros conservadores. A pregunta que queda por despexar é saber como o peor inimigo se acaba convertendo no mellor aliado.


4.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: